Gradiant celebra o workshop internacional Quantum Technologies en Vigo

venres, 14 de novembro do 2025 S. P.

Gradiant, centro tecnolóxico galego especializado en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), organiza os días 24 e 25 de novembro o Workshop Quantum Technologies, un encontro que reunirá en Vigo a especialistas, empresas e centros de investigación para analizar os avances máis recentes no ámbito das tecnoloxías cuánticas e o seu impacto na industria e a sociedade.
O evento contará coa participación de expertos nacionais e internacionais que abordarán o estado actual da computación cuántica, a sensórica cuántica e as comunicacións cuánticas, “tres áreas clave que marcarán o desenvolvemento tecnolóxico da vindeira década”, informou Gradiant, engadindo que “durante as dúas xornadas celebraranse relatorios, mesas de debate e sesións prácticas que permitirán coñecer as aplicacións reais destas tecnoloxías e os retos que afrontan para a súa implantación”.
A apertura institucional correrá a cargo de Sabela Pardo, directora de Programas de Innovación en Axencia Galega de Innovación e por Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant.
Massimo Inguscio, do European Laboratory for Non-linear Spectroscopy (LENS - European Laboratory for Non-Linear Spectroscopy) realizará a conferencia inaugural Quantum technologies: origins, current status and prospects.
O evento tamén contará con figuras internacionais de primeiro nivel que realizarán diversas presentacións técnicas, como José Miralles (Qilimanjaro Quantum Tech), Aleksandra Sierant (ICFO), ou Jana Nieder (INL), entre outros.
Ademais da análise técnica, o workshop prestará especial atención ao papel do ecosistema europeo na investigación e desenvolvemento cuántico cunha mesa redonda composta polos representantes das entidades socias da alianza Quorum Spain, como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Gradiant, Axencia Galega de Innovación (GAIN), QCentroid, FIDESOL, ITECAM e Fsas Technologies Fujitsu.
O Workshop Quantum Technologies celebrarase no Auditorio Mar de Vigo, está enmarcado na iniciativa QUORUM Spain e está dirixido a profesionais da I+D+i, representantes da administración, startups tecnolóxicas, investigadores e público interesado en coñecer como as tecnoloxías cuánticas están a redefinir a innovación a nivel global.
O programa completo e o formulario de inscrición (gratuíta) están dispoñibles na web de Gradiant.
QUORUM é un proxecto subvencionado polo CDTI e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Os membros de QUORUM son: Gradiant, CESGA, Fidesol, Fujitsu, GAIN, Itecam e QCentroid.