Gradiant consolida o seu crecemento cuns ingresos de 14 millóns de euros en 2024
luns, 30 de xuño do 2025
O centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, consolidou a súa senda de crecemento e o seu posicionamento destacado en España e Europa coa presentación do seu balance 2024, que mostra uns ingresos de máis de 14 millóns de euros, e a aprobación do seu plan estratéxico 2025-2027, orientado a garantir a súa autonomía tecnolóxica e a súa competitividade e produtividade a nivel rexional, nacional e europeo.
No balance faise saber que a xeración de riqueza e emprego por parte de Gradiant experimentou un crecemento exponencial nos últimos cinco anos. Entre 2020 e 2024 o centro tecnolóxico, que emprega actualmente a máis de 250 persoas, aumentou máis dun 170% os seus ingresos, pasando de 5 a 14 millóns de euros, e un 139% o seu persoal, medrando dos 98 traballadores de 2020 aos 234 cos que se pechou 2024.
Por áreas, o crecemento máis notable experimentouse nas comunicacións, a seguridade e privacidade de datos e os sistemas intelixentes debido á irrupción de novas tecnoloxías como a cuántica ou a fotónica e ao interese crecente que experimentaron tecnoloxías como a IA (Intelixencia Artificial), a análise de datos, os sistemas autónomos ou a eSaúde.
Ademais, a través de Gradiant Investments, o centro tecnolóxico lanzou tres spin-offs ao mercado cun valor de máis de 40 millóns de euros e máis de 60 traballadores -Alice Biometrics, Sense Aeronautics e unha terceira especializada en tecnoloxías de detección, clasificación e neutralización de drons- e xa ten outras dúas en fase de incubación: Kiur, unha nova tecnoloxía para o tratamento de feridas crónicas, e Dokken, unha ferramenta para o procesamento intelixente de documentos.
Gradiant tamén medrou no marco europeo. O ano pasado, o centro tecnolóxico, que participou en máis de 150 proxectos, captou para España un total de 1,96 millóns de euros destinados a I+D e procedentes de proxectos europeos, un 31,5% máis que en 2023. Tamén conseguiu un total de 11 acordos de licenciamento, dos cales 6 foron a nivel internacional, un dato un 30% superior ao do ano anterior.
“Este crecemento posiciónanos como un centro tecnolóxico fundamental para o desenvolvemento e maduración de tecnoloxías crave para a industria galega, española e europea”, sinala Luís Pérez Freire, director xeneral de Gradiant.
Ademais, o centro acaba de aprobar o seu novo plan estratéxico, orientado manter este crecemento responsable e sostible e a aumentar o seu recoñecemento europeo como axente clave no impulso de tecnoloxías fundamentais no contexto actual, como son as dixitais e a deep tech. “Nos próximos anos traballaremos para reforzar a nosa autonomía tecnolóxica e para iso investiremos no desenvolvemento de solucións propias innovadoras, de alta complexidade tecnolóxica e propiedade intelectual protexida”, explica Pérez Freire, que engade: “O obxectivo é seguir desenvolvendo tecnoloxías estratéxicas con impacto real en sectores clave, como son as telecomunicacións, a seguridade e defensa, a industria, o sector primario ou a saúde”.
Da cifra total de 14 millóns de euros de ingresos en 2024, máis da metade proveñen de facturación a empresas, especialmente pemes, e o 9% da venda de licenzas de tecnoloxía, patentes e propiedade intelectual, unha cifra que, segundo a memoria anual de FEDIT 2023, está moi por enriba da media nacional de centros tecnolóxicos, situada por baixo do 1%.
“Son datos moi significativos e importantes para nós porque reflicten o alto valor da innovación e desenvolvemento tecnolóxico que xeramos; demostran que as solucións propias desenvolvidas polo equipo de Gradiant están a contribuír ao fortalecemento, crecemento e mellora da capacidade competitiva do tecido industrial”, explica Fernando Jiménez, director de Gradiant.
