Gradiant desenvolve a tecnoloxía de comunicacións do demostrador de drons LUCUS de Airbus
martes, 16 de setembro do 2025
O centro tecnolóxico galego Gradiant lidera o desenvolvemento do sistema de comunicacións do demostrador tecnolóxico LUCUS, un proxecto impulsado por Airbus dentro do programa de innovación Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Este proxecto ten o obxectivo de avanzar na integración segura dos drons no espazo aéreo, co desenvolvemento de tecnoloxías que permitan coordinar e controlar estes vehículos en misións reais, como o reparto de mercadorías, a vixilancia ou as operacións de emerxencia.
Desde Galicia, Gradiant está a desenvolver tecnoloxías avanzadas para a comunicación segura e eficiente entre o dron, a estación de control en terra e a nube, facendo posible unha xestión máis áxil e segura destes vehículos en voo.
En palabras de Luis Pérez Freire, director xeneral de Gradiant, “con LUCUS, estamos a contribuír a que Galicia lidere o desenvolvemento de tecnoloxías clave para a mobilidade do futuro. O noso traballo permitirá que os drons sexan integrados de forma segura no espazo aéreo, con aplicacións que van desde a loxística ata a vixilancia. É un orgullo para Gradiant formar parte dun proxecto tan transformador xunto a Airbus e a Xunta de Galicia”.
Engade que o sistema de comunicacións que Gradiant está a deseñar para LUCUS será un elemento decisivo para permitir que os vehículos aéreos non tripulados poidan operar máis aló o alcance visual e en distintas contornas, tanto urbanas como rurais. Ademais do seu papel en tarefas de emerxencia, este tipo de tecnoloxía aplicarase a novas formas de transporte e loxística, desde a inspección de infraestruturas, ata o control do tráfico ou a entrega automatizada de paquetes.
