Gradiant e Everis impulsaron a través da súa unidade mixta 43 empregos e un feixe de innovadoras aplicacións da eSaúde

luns, 30 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

O Centro Tecnolóxico Gradiant e a multinacional Everis (coa Fundación Ramón Domínguez como entidade subcontratada) presentaron hoxe os resultados da unidade mixta de investigación posta en marcha por estas entidades en 2014, unidade de colaboración que deu como resultado o centro compostelán eJKC (eHealth Joint Knowledge Centre) e diversas ferramentas (OnCare, OnTime, Saludei) tecnolóxicas pioneiras de gran potencial para a personalización e para mellorar a calidade de vida de determinados doentes e o día a día dos facultativos e o persoal que os atende. Na presentación dos resultados celebrada hoxe, na que participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, lembrouse que o investimento do proxecto foi de 2 millóns de euros, que ao seu abeiro creáronse 43 empregos de calidade e que obxectivo da unidade mixta materializada no centro eJKC foi “fomentar a innovación sanitaria e xerar solucións concretas baseadas nas TIC para o ámbito galego da eSaúde”.
Segundo indicou Helena Fernández, directora de eSaúde de Gradiant, “a colaboración establecida no marco do eJKC permitiunos explorar problemas enfocados ás necesidades dos usuarios finais, xa sexan pacientes, facultativos ou xestores hospitalarios”.
Tamén se fixo saber que para o desenvolvemento da actividade innovadora, a unidade contou coas colaboracións da Fundación Ramón Domínguez e do centro AtlantTIC, da Universidade de Vigo, cuxa concorrencia no proxecto permitiu o desenvolvemento dun algoritmo matemático que se incorporou a unha ferramenta prototipo de análise de proxectos. Por medio da dita Fundación, a unidade Everis-Gradiant cooperou con varias áreas clínicas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), entre as que se atoparon Oncoloxía Clínica, Pediatría, Admisión e Aparello Dixestivo. “Desta cooperación”, explicouse no acto de hoxe, “desenvolvéronse solucións tecnolóxicas que permiten aos facultativos obter información directamente dos pacientes e ademais melloran a satisfacción dos pacientes co coidado”.
A colaboración Gradiant-Everis centrouse en cinco eixos temáticos.
O primeiro ocupouse do desenvolvemento de aplicacións para modelos de atención intelixente. Baixo a denominación Smart Care Models desenvolvéronse módulos de software para axudar aos profesionais sanitarios a mellorar a organización do servizo asistencial. O resultado desta liña de traballo foi a aplicación OnTime, unha ferramenta que axuda a planificar as citas dos pacientes dos hospitais de día oncolóxicos, co obxectivo de “reducir os tempos de espera e balancear as cargas de traballo dos profesionais ao mesmo tempo”.
O segundo eixo centrouse na “experiencia de usuario no sector saúde”. Ao seu abeiro deuse forma a solucións TIC “ergonómicas, accesíbeis e doadas de empregar”. Un exemplo é ReSViNET App que aplica a escala ReSViNET, deseñada para a avaliación de nenos menores de dous anos, condoenza respiratoria aguda. Para o desenvolvemento desta escala contouse coa participación do doutor. Federico Martinón-Torres, pediatra do Servizo Galego de Saúde.
En terceiro lugar, coa iniciativa de soporte á toma de decisións clínicas, a unidade mixta traballou en solucións de axuda para os profesionais, por exemplo para axudar na codificación de informes clínicos ou outros documentos médicos xerados.
Na liña de “empoderamento” do paciente a intención era “crear ferramentas para involucrar e dotar de autonomía aos pacientes na toma de decisións relacionadas co coidado da saúde, incluíndo actuacións nos distintos niveis de risco da poboación e potenciando un estilo de vida saudábel”. Segundo se fixo saber no acto de hoxe, o exemplo máis salientábel desta liña de traballo foi a aplicación OnCare, centrada no paciente oncolóxico. Esta ferramenta tira proveito das escalas clínicas validadas que permiten aos pacientes controlar os seus rexistros, tanto do nivel de dor como da calidade de vida durante o seguimento da enfermidade.
Por último, a liña de saúde conectada potenciou o deseño de solucións e dispositivos que permitisen fornecer de servizos innovadores aos cidadáns e pacientes baseados no uso de dispositivos móbiles (smartphones e tabletas). Desta contorna de colaboración abrollou a aplicación OnTrack, desenvolvendo módulos de software que se poden integrar para realizar un seguimento global sobre o estado dos pacientes.
Investimento
Con máis de 2 millóns de euros de investimento no período 2014-2017, este proxecto foi seleccionado pola GAIN (Axencia Galega de Innovación), en réxime de concorrencia competitiva, no marco de Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que contemplaba a creación de unidades mixtas entre organismos de investigación e empresas, como vía de achegamento entre o mundo empresarial e o ámbito científico-técnico para desenvolver liñas de investigación e posta en valor conxunta. En concreto, o goberno galego colaborou cun investimento de 628.878 euros, para apoiar a actividade do eJKC.

PUBLICIDADE