Gradiant e Telespazio desenvolven tecnoloxía para a sustentabilidade
xoves, 14 de novembro do 2024
A Xunta de Galicia e parte do Polo Aeroespacial de Galicia están a desenvolver un innovador sistema de observación da biodiversidade mediante aeronaves non tripuladas. Hai uns días, levaron a cabo demostracións crave no aeródromo de Furaventos para validar as capacidades tecnolóxicas destas aeronaves. Nestas probas destacaron os sistemas de navegación e comunicación avanzadas.
O Centro Tecnolóxico Gradiant contribúe nesta iniciativa a través do proxecto GeoSub mediante solucións de análises de datos e desenvolvemento de tecnoloxías que garanten a seguridade e a eficiencia en operacións de voo.
Na devandita demostración o centro tecnolóxico con sede en Vigo e a empresa Telespazio presentaron con éxito o seu innovador sistema Detect and Avoid (DAA), capaz de xestionar tráfico colaborativo e non colaborativo. Este avance representa un fito na seguridade dos Sistemas Aéreos Non Tripulados (UAS), permitindo unha conciencia situacional integral e mellorando de maneira significativa a protección no espazo aéreo.
“Ao abordar tanto o tráfico que comparte información como o que non, o noso sistema DAA ofrece aos operadores unha ferramenta esencial para operacións máis seguras e eficientes, incluíndo voos máis aló da liña de vista (BVLOS)”, sinalaron fontes de Gradiant, engadindo que “este logro reafirma o noso compromiso coa innovación e posiciónanos á vangarda en solucións de seguridade para UAS”.
Así mesmo, grazas a esta tecnoloxía desenvolvida polo equipo de Gradiant pódese facer monitoraxe de ecosistemas costeiros, identificar e facer seguimento de especies invasoras e favorecer así a protección de espazos naturais e a sustentabilidade.