Gradiant e TrustED avanzan na validación real de tecnoloxías para unha identidade dixital segura e soberana

luns, 6 de xullo do 2026 S. P.

O centro tecnolóxico galego Gradiant e TrustED acadaron un fito clave coa posta en marcha dos seus pilotos en contornas reais: tecnoloxías orientadas a reforzar a seguridade, a privacidade e a confianza nos espazos europeos de datos.
Coordinado por Gradiant, TrustED (Enabling Trustworthy European Data Spaces through Self-Sovereign Identity and Privacy Preserving Technologies) reúne a 10 organizacións de cinco países europeos (España, Italia, Portugal, Alemaña e Turquía) co obxectivo de “impulsar un ecosistema dixital baseado na confianza e no intercambio seguro de datos baixo o novo paradigma dos espazos europeos de datos”.
Gradiant explica que os pilotos desenvolvidos permitiron avaliar tanto a experiencia de usuario como a viabilidade técnica de solucións baseadas en identidade autosoberana e tecnoloxías de preservación de privacidade.
O primeiro dos casos de uso en contorna real centrouse na validación dunha credencial dixital de voluntariado, desenvolvida en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. O piloto contou coa participación de máis de 70 voluntarios españois, de grupos de idade diferentes (mozas de entre 18 e 30 anos e adultos maiores de 50 anos).
Durante as sesións, os participantes interactuaron coa carteira dixital de TrustED, deseñada para emitir, almacenar e compartir credenciais verificables de identidade e voluntariado. “O obxectivo”, sinalaron dende Gradiant, “foi avaliar a usabilidade da solución, identificar melloras na experiencia de usuario e comprender as expectativas, necesidades e preocupacións dos usuarios en relación coa seguridade, a privacidade e a confianza no intercambio de datos persoais”.
O segundo piloto estivo orientado ao ámbito sanitario e levou a cabo en colaboración co Centro Hospitalar e Universitário de Coimbra (Portugal). O obxectivo era a validación dunha plataforma de aprendizaxe federada aplicada a datos clínicos. Esta fase involucrou a investigadores, perfís técnicos e profesionais sanitarios mediante entrevistas estruturadas e actividades de validación da plataforma. Esta proba permitiu avaliar a plataforma federada de TrustED en aspectos como o intercambio seguro de datos sanitarios, os mecanismos de credenciais de acceso, a usabilidade ou a confianza dos usuarios coa plataforma. O caso de uso centrouse na análise e predición de infeccións respiratorias virais, incluíndo gripe, COVID-19 e RSV.
A solución desenvolvida por TrustED permite que diferentes organizacións colaboren no adestramento de modelos de intelixencia artificial sen necesidade de transferir ou centralizar os datos clínicos. “Grazas ao uso combinado de aprendizaxe federada e tecnoloxías avanzadas de preservación da privacidade, os datos permanecen sempre baixo o control de cada institución, garantindo o cumprimento dos requisitos regulamentarios e reforzando a soberanía do dato”, sinalou Gradiant, engadindo que ambos os pilotos “demostraron o potencial das tecnoloxías desenvolvidas por TrustED para impulsar espazos de datos europeos máis seguros, interoperables e centrados nas persoas, facilitando o intercambio de información e a colaboración entre organizacións sen comprometer a privacidade, a seguridade nin o control sobre os datos”.
Gradiant lembra que o avance de TrustED prodúcese “nun momento decisivo para a identidade dixital en Europa”, marcado polo despregamento da futura Carteira Dixital Europea (European Dixital Identity Wallet), un dos piares da estratexia dixital da Unión Europea.
A nova regulación europea establece que os Estados membro deberán ofrecer polo menos unha carteira dixital europea, gratuíta para os seus cidadáns, antes de finais de 2026. A partir de 2027, tanto as administracións públicas como determinadas entidades privadas estarán obrigadas a aceptar este sistema de identidade dixital para o acceso a servizos e o intercambio de credenciais verificables.
“Neste escenario, colaboracións europeas como TrustED resultan fundamentais para validar tecnoloxías capaces de garantir interoperabilidade, privacidade e confianza no intercambio de datos, facilitando a adopción de modelos de identidade auto soberana aliñados cos futuros requisitos regulamentarios europeos”, sinalan dende Gradiant.
Por certo que a comezos de xullo a cidade alemá de Dortmund acolleu a cuarta reunión presencial do consorcio, onde os socios validaron os resultados obtidos durante a primeira fase e definirán os seguintes pasos para a evolución tecnolóxica de TrustED.
 Os socios de TRUSTED son: Gradiant (líder), Tree Technology, Fundación Cibervoluntarios (España); Infocert SPA, Cybersocial Lab. (Italia); Fraunhofer (a través de dous departamentos diferentes: AISEC e ISST) (Alemaña); Promptly, Centro Hospitalar Universitario de Coimbra (Portugal); Sestek (Turquía); e Fondazione Mondo Digitale (entidade asociada).