Gradiant, galardoado nos Disruptores Innovation Awards 2025

luns, 27 de outubro do 2025 S. P.

Gradiant, centro tecnolóxico con sede en Vigo, foi recoñecido nos Disruptores Innovation Awards 2025, máis polo miúdo co premio á mellor iniciativa impulsada por centros tecnolóxicos ou parques científicos. O galardón eu vado polo desenvolvemento dun modelo de atención integrada para pacientes con feridas crónicas no marco de IcareWounds, liderado por Shaila Calvo Almeida.
A cerimonia de entrega tivo lugar no Palacio de Neptuno de Madrid, que reuniu a máis de 400 profesionais do ecosistema da innovación nunha gala que se consolidou como unha das citas máis destacadas do ano.
“IcareWounds encarna todo aquilo polo que traballamos os centros tecnolóxicos: transformar o coñecemento en tecnoloxía, e a tecnoloxía en solucións que resolvan problemas reais das persoas”, destacou Luis Pérez-Freire, director xeneral de Gradiant, ao recoller o galardón acompañado por Fernando Jiménez Míguez e Shaila Calvo Almeida. Engadiu que “en España, máis dun millón de persoas sofren este tipo de feridas, e o noso obxectivo é contribuír a mellorar a súa calidade de vida cunha tecnoloxía ao servizo da saúde”.
Desenvolvida por investigadores de Gradiant, a tecnoloxía premiada permite facer monitoraxe do estado das feridas en tempo real, un seguimento continuo e unha xestión personalizada dos tratamentos.
“Grazas a este enfoque, a solución de IcareWounds mellora a eficiencia dos recursos sanitarios, reduce o risco de infeccións e acelera os procesos de cicatrización, converténdose nun novo estándar para o tratamento de feridas crónicas”, explicou Gradiant, engadindo que o proxecto estase a validar en varios hospitais europeos, demostrando o potencial da innovación tecnolóxica aplicada ao ámbito clínico.