Gradiant impulsa dous proxectos para mellorar con IA a atención sanitaria e os procesos industriais
mércores, 8 de xaneiro do 2025
O Centro Tecnolóxico Gradiant rematou o ano achegándonos detalles de dous proxectos nados ao abeiro da convocatoria Ignicia Proba de Concepto, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación e Ciencia. Trátase de Advanced Cutaneous Evaluator (ACE) e Intelligent Technical Dixital Processing (ItDP), dúas novas spin-offs en incubación que están a desenvolver tecnoloxías disruptivas para mellorar tanto a atención sanitaria como os procesos industriais.
ACE, especializada na avaliación cutánea utilizando Intelixencia Artificial, atópase na fase final de desenvolvemento do seu MVP (siglas de Produto Mínimo Viábel) e en pleno proceso de exploración de novas aplicacións en sectores como a atención primaria e as residencias de anciáns, co fin de brindar unha atención médica máis accesíbel e personalizada. Gradiant fixo saber que ACE iniciou unha procura de investidores en fundacións nacionais e está a piques de presentar os seus avances nas principais feiras internacionais de saúde o próximo ano, como a Feira EWMA e o Congreso GNEAUPP. Cun enfoque no diagnóstico e tratamento de feridas complexas (crónicas…), ACE “busca revolucionar a forma en que se realizan os diagnósticos da pel, ofrecendo solucións máis rápidas e precisas para os pacientes”, explicou o centro tecnolóxico vigués.
Doutra banda, ItDP está a desenvolver unha solución innovadora para a dixitalización de procesos documentais en sectores industriais, de manufactura ou servizos técnicos cun MVP en desenvolvemento que promete transformar a forma en que as empresas xestionan a inxesta, xestión e uso dos datos nos seus procesos clave de departamentos como administración, backoffice, enxeñería, operacións, comercial ou loxística. Actualmente, ItDP atópase en pleno proceso de ampliación da súa base de clientes betatesters, orientados a optimizar a eficiencia operativa en diversas industrias mediante a automatización de procesos e a mellora da xestión de datos, o que lles permitirá ás empresas reducir custos e mellorar a operativa dos seus procesos.
Gradiant engadiu que as iniciativas ACE e itDP atópanse “nun momento crucial do seu desenvolvemento, cun forte enfoque na captación de talento para poder seguir impulsando o seu crecemento”. ACE continúa incorporando profesionais en áreas como IA e desenvolvemento de software, mentres que itDP busca fortalecer o seu equipo con expertos en desenvolvemento tecnolóxico e mercadotecnia dixital. “A expansión dos seus equipos será clave para afrontar os novos desafíos o vindeiro ano e asegurar a consolidación de ambas as solucións no mercado”, sinalou Gradiant, engadindo que os proxectos enmárcanse nun contexto de crecente innovación e transformación dixital, orientados ao uso de tecnoloxías avanzadas como a IA, a aprendizaxe automática e a dixitalización de procesos industriais.
“A través destas iniciativas Gradiant non só está a contribuír ao avance das solucións tecnolóxicas, senón que tamén está a impulsar o crecemento económico e social mediante o fortalecemento da competitividade das empresas e a mellora da calidade de vida dos cidadáns”, sinalaron fontes do centro tecnolóxico galego.
Ambos os proxectos teñen o obxectivo de presentar os seus avances en 2025 e seguir desenvolvendo solucións que poidan ter “un impacto real e duradeiro no ámbito da saúde e a industria”.