Gradiant impulsa na UVigo un espazo de reflexión sobre o futuro da transferencia

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

O centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, organizou na tarde deste luns 13 de abril un encontro cos tres aspirantes á reitoría da Universidade de Vigo: Belén Rubio, catedrática do Centro de Investigación Mariña; Jacobo Porteiro, catedrático de Enxeñería Mecánica e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría de Sinal e Comunicacións.
O obxectivo da sesión era o de crear un espazo de reflexión e de debate sobre o futuro da transferencia de coñecemento, a innovación e o fortalecemento da relación entre a Universidade de Vigo e o tecido empresarial.
O encontro, moderado por Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, serviu para que os candidatos expuxesen a súa visión e as súas propostas en áreas estratéxicas para o ecosistema de innovación galego e centrouse en catro eixos fundamentais.
Os tres candidatos realizaron un diagnóstico do sistema de transferencia na Universidade de Vigo, identificando as súas principais fortalezas e áreas de mellora, e debateron sobre a relación universidade-empresa e o modelo de colaboración ideal entre a universidade e o tecido produtivo, destacando o papel que xogan os centros tecnolóxicos como ponte entre a investigación académica e as necesidades do mercado.
Neste contexto, Carmen García quixo destacar a "excelente saúde" da que gozan as relacións actuais entre a UVigo e os centros tecnolóxicos como Gradiant.
"A nosa colaboración con Gradiant é un activo que debemos coidar e potenciar", afirmou. Como obxectivo estratéxico para o seu mandato sinalou que "é necesario que este modelo de éxito, que xa funciona no ámbito tecnolóxico, sexa ampliado e estendido a todos os ámbitos de investigación da nosa universidade, desde as ciencias e a saúde ata as artes e as humanidades". A transferencia, para a candidatura de Carmen García, “debe ser integral e inclusiva. Devolver á sociedade todo o coñecemento que xeramos: iso é o que nos distingue”.
Pola súa banda, Belén Rubio, afirmou que a Universidade de Vigo é unha institución forte en coñecemento, talento e capacidades tecnolóxicas, como mostran os seus bos resultados en produción científica e de transferencia en todos os ámbitos de coñecemento dos últimos anos, destacando en tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, a cuántica e a fotónica. Indicou tamén que “na proposta de H2040 buscamos implicar a todos os axentes do ecosistema de innovación para traballar conxuntamente na mesma dirección, xa que un ecosistema de innovación funciona cando cada actor ten un papel claro e complementario: A universidade xera, transmite e aplica coñecemento, os centros tecnolóxicos desenvólveno, as empresas utilízano para crear produtos ou servizos e a administración crea as condicións para que todo este ecosistema funcione de forma coordinada”.
Para Rubio, a clave reside en que “non todos fagan o mesmo, senón que se complementen e traballen xuntos en proxectos e estruturas estables de colaboración, para que poidamos afrontar os grandes retos sociais. Deste xeito, podemos mellorar o tecido produtivo local e da contorna e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos e galegas".
Por último, Jacobo Porteiro, indicou que “na Universidade de Vigo temos talento e capacidade para transferir con impacto, pero necesitamos dar un paso adiante con decisión. Desde Consenso propoñemos un modelo máis estruturado e proactivo, que acompañe os proxectos e conecte mellor coñecemento e sociedade. Porque transferir é, en esencia, converter coñecemento en impacto real”.
No apartado de cultura de transferencia e incentivos, os tres aspirantes ao reitorado abordaron a importancia de fomentar unha cultura de transferencia e innovación entre o persoal investigador e sinalaron os cambios que implantarían nos sistemas de avaliación do profesorado para incentivar a transferencia (patentes, spin-offs, contratos).
Por último, cada candidato avanzou as reformas que levaría a cabo na estrutura universitaria para axilizar e potenciar a innovación e a transferencia de resultados de investigación, e profundaron no papel que debe xogar a UVigo como socio tecnolóxico e de innovación de referencia para o sector empresarial.
Coa organización deste evento, Gradiant, centro tecnolóxico que naceu no seo da Uvigo e que conta actualmente coas tres universidades galegas dentro do seu padroado, puxo de manifesto o seu compromiso co fortalecemento do ecosistema de I+D+i, buscando aliñar a estratexia universitaria coas demandas do tecido produtivo para impulsar a competitividade e o desenvolvemento económico da comunidade.