Gradiant loce tecnoloxías galegas de seguridade na feira mundial Xponential

luns, 29 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Comezou finalmente o gran evento internacional da nova tecnoloxía aeroespacial, a feira Xponential 2019 de Chicago, e, tal e como sinalamos a semana pasada dende Código Cero, será un evento que conte cunha nutrida presenza da nosa terra, para comezar os impulsores e integrantes do proxecto Civil UAVs Initiative. Entre as fileiras galegas atópanse centros tecnolóxicos galegos como o CTAG ou Gradiant, que acode por cuarto ano consecutivo. Este xa comunicou a súa recalada na feira, un acontecemento, que, segundo lembra, “é o máis importante do mundo en materia UAV”, ou sexa, no eido dos vehículos aéreos non tripulados. O centro galego está a mostrar as posibilidades e funcionalidades de Counter UAS, entre o outras tecnoloxías de seu para o ámbito da seguridade.
Counter UAS é un sistema automático para a detección, clasificación, seguimento e neutralización de drons que permite protexer ás persoas e infraestruturas dentro dun perímetro de seguridade de diferentes ameazas, como por exemplo as actividades ilegais ou neglixentes dos vehículos aéreos non tripulados. O sistema, que é modular, adaptábel a cambios e diferentes contornas e descentralizado, pode operar de maneira autónoma ou guiada e conta con catro módulos independentes da gama smart (smartHack, smartEar, smartEye e smartJam) que poden empregarse de maneira conxunta ou por separado.
Así mesmo, Gradiant participará xunto á Xunta de Galicia e as empresas Indra e Babcock no espazo adicado ao programa Civil UAVs Initiative (CUI), para contribuír a situar Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil.
“Xponential é o evento mundial de referencia no ámbito dos drons e aquí danse cita todos aqueles axentes que participan deste sector. Na feira, podemos atoparnos con todos eles e coñecer as súas necesidades”, indica Iago Gómez, codirector da área de Comunicacións Avanzadas de Gradiant e asistente ao encontro.
A maiores de todo o devandito, o equipo de Gradiant dará a coñecer a súa tecnoloxía de análise intelixente de vídeo para a xestión do territorio e a vixilancia marítima e terrestre. Nesta ocasión, Gradiant xunta a súa experiencia en procesado de imaxe e o coñecemento profundo do ámbito dos drons para desenvolver este sistema, que amplía a capacidade de resposta dos integradores de sistemas mediante a incorporación de ferramentas de análise de vídeo de última xeración ás operacións de vehículos non tripulados.

PUBLICIDADE