Gradiant mostrará os seus avances en resiliencia criptográfica financeira na prestixiosa conferencia RSA
luns, 9 de marzo do 2026
O Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, participa en RSA Conference 2026 este mes de marzo para presentar as súas novas propostas tecnolóxicas de ciberseguridade. Farao, segundo informou o centro galego, “nunha contorna onde a fraude dixital impulsada pola intelixencia artificial, a presión regulamentaria e a adopción acelerada de arquitecturas híbridas están a redefinir a axenda dos responsables de seguridade no mundo”.
Lembrar que a RSA Conference 2026 celebrarase do 23 ao 26 de marzo de 2026 no Moscone Center de San Francisco, California. Este evento é considerado o principal encontro mundial da comunidade de ciberseguridade, reunindo a profesionais, investigadores e empresas para explorar as últimas innovacións e ameazas do sector.
Gradiant estará presente un ano máis no Pavillón Internacional de España liderado polo ICEX (South Pavilion 0642), onde mostrará a súa visión sobre como evolucionar desde modelos tradicionais de protección cara a esquemas de xestión criptográfica centralizada, automatizada e interoperable, adaptados a contornas multinube e multivendor.
Dende Gradiant sinalan que a dixitalización masiva de pagos e a expansión da banca dixital converteron a xestión de claves e módulos HSM nun elemento crítico para a continuidade operativa. “Neste contexto, SafeGate by Gradiant posiciónase como unha plataforma deseñada para organizar infraestruturas criptográficas complexas, reducindo riscos operativos e mellorando a rastrexabilidade e o cumprimento normativo en mercados altamente regulados”, sinala o centro vigués.
Tal e como explica Alexandre T. Meany, responsable de negocio internacional de Gradiant, “para os CIO, isto supón maior eficiencia e capacidade de escalado, e para os CISO, implica un control máis granular sobre activos criptográficos críticos e unha postura de seguridade preparada para ameazas avanzadas e escenarios futuros como a transición cara a criptografía post-cuántica”.
Gradiant tamén mostrará o seu traballo recente achegando activos tecnolóxicos clave que reforzan a integridade de procesos e a protección de identidades dixitais para o sector financeiro: “As nosas solucións achegan detección de fraude mediante intelixencia de datos e aprendizaxe máquina combinado con técnicas forenses, que permiten a organizacións e usuarios detectar de forma sinxela e transparente se unha imaxe, audio ou vídeo foi xerado utilizando ferramentas de IA xenerativas”. Estes compoñentes reforzan as capacidades das organizacións para xestionar non só a protección dos activos dixitais, senón tamén a fiabilidade dos fluxos de transaccións e decisións automatizadas en tempo real, un factor crítico para operar en mercados competitivos e regulados, engadiu Gradiant.
