Gradiant mostrou en Tecnosec o seu sistema antidrons

venres, 13 de maio do 2022 S. P.

Gradiant, o seu socio Grupo TRC e as empresas Proselec e Hispamast, mostraron as súas últimas innovacións en sistemas antidrons en Tecnosec, a principal feira estatal de tecnoloxías avanzadas de seguridade e intelixencia, celebrada en Madrid entre o 11 e o 12 de maio. No marco deste evento, o centro tecnolóxico vigués debullou as posibilidades dunha tecnoloxía de seu desenvolvida con Intelixencia Artificial e combinando dispositivos de radiofrecuencia e optrónica. O sistema ideado por Gradiant desde 2015 detecta, clasifica e neutraliza aeronaves non tripuladas, establecendo “un escudo imposíbel de franquear”, en palabras do centro galego, que explica que a evolución do seu sistema antidrons, desenvolvido en colaboración co Grupo TRC e o REW31, implantouse no Exército de Terra baixo o nome de Proxecto Cervus.
Ademais, o sistema pode integrarse con outras solucións de detección e neutralización, como é o caso do inhibidor Repulse proporcionado por Proselec.
Gradiant fixo saber que a innovación do sistema antidrons está especialmente deseñada para o seu uso no ámbito da seguridade en instalacións como aeroportos, centrais eléctricas, edificios singulares, ou en eventos con grandes concentracións de persoas (concertos, festivais, etc.); e para a súa utilización por parte de forzas e corpos de seguridade. E engadiu: “O sistema achega un novo sistema de neutralización baseado na inhibición reactiva, capaz de intervir en drons, cortando a súa capacidade de comunicación e xeolocalización”. Con esta tecnoloxía, en definitiva, pódese chegar a capturar e controlar o obxecto para obter información e provocar a súa aterraxe segura.
A solución compleméntase co sistema Captive, baseado nun dron cativo, que aplica capacidades de vixilancia e observación orientadas á guerra electrónica, tales como GSM, satélite, radiofrecuencia e inhibición pasiva.

PUBLICIDADE