Gradiant participa no proxecto europeo Icarewounds, unha plataforma dixital para doentes con feridas crónicas
luns, 17 de novembro do 2025
O centro tecnolóxico galego Gradiant vén de participar o pasado 13 de novembro nun encontro levado a cabo en Helsinqui (Finlandia) cos socios do proxecto Icarewounds, desenvolvido a través dun consorcio internacional que coordina a empresa galega. Nesta reunión ultimáronse os detalles desta plataforma dixital que facilitará a atención integrada de pacientes con feridas crónicas mediante tecnoloxías de eHealth e Intelixencia Artificial fiable (TAI). Sinalar que ata Helsinqui se desprazaron Shaila Calvo, como responsable do proxecto e Ángela Fritiría (ambas as dúas de Gradiant) e alí decidiuse que, unha vez obtido o ditame favorable do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos (CEIM), iniciarase a fase 1 de despregamento, consistente no recrutamento desde o propio instituto de persoas voluntarias que poidan avaliar a ferramenta.
Indo a Icarewounds, dicir que ten como finalidade validar un modelo de atención integral no tratamento de feridas crónicas mediante o uso de tecnoloxía avanzada, o que permite monitorizar o estado das lesións en tempo real e adaptar os tratamentos ás necesidades exactas de cada persoa en cada momento.
Arestora, o proxecto atópase en fase de validación en varios hospitais europeos e foi recentemente premiado como unha “solución innovadora que mellora a eficiencia dos recursos sanitarios, reduce o risco de infeccións e acelera os procesos de cicatrización, situándose como un novo referente no tratamento das feridas crónicas”.
Cómpre engadir que o obxectivo esencial de Icarewounds é deseñar, implementar e validar un modelo de atención integrada no tratamento de feridas crónicas mediante unha aplicación propia que permita adaptar o tratamento a cada persoa segundo o tipo e evolución da súa lesión. Esta ferramenta combina experiencia clínica e tecnoloxía avanzada, permitindo un seguimento continuo, unha monitorización en tempo real e a personalización exacta do tratamento.
Na actualidade, o proxecto tamén está en fase de validación en varios hospitais europeos, o que confirma o seu potencial para converterse nun referente internacional de innovación tecnolóxica ao servizo da saúde.
Icarewounds recibiu o premio Disruptores Innovation Awards 2025, que recoñece a súa contribución á transformación dixital da atención sanitaria. O galardón salienta que esta solución innovadora mellora a eficiencia dos recursos sanitarios, reduce o risco de infeccións e acelera a cicatrización, consolidándose como un novo referente no tratamento de feridas crónicas.
O proxecto Icarewounds está desenvolvido por un consorcio europeo que inclúe, ademais do IIS Galicia Sur, a Gradiant (España), a entidade organizadora do encontro Lappeenranta University of Technology-LUT University (Finlandia), a Medical University of Lodz e Sigoria Ltd. (Polonia), o University College Dublin (Irlanda) e CyberEthicsLab (Italia).
