Gradiant presenta as súas últimas solucións biométricas en CES 2018

venres, 12 de xaneiro do 2018 Redacción

O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de anunciar a súa participación na nova edición da feira Consumer Electronics Show (CES 2018), o foro de meirande referencia a nivel mundial en materia de industrias das tecnoloxías de consumo. O evento, no que Gradiant concorre por vez primeira, celébrase estes días (até hoxe) en Las Vegas, Estados Unidos. Na feira CES, o centro galego ten presenza no pavillón español do ICEX, onde está a mostrar as súas solucións biométricas orientadas a procesos de onboarding dixital (solucións de identificación electrónica de persoas que permiten, por exemplo, a apertura remota de contas bancarias) e KYC (Know Your Customer); así como as ferramentas de inicio de sesión biométrico para dispositivo móbil.
Máis en detalle, Gradiant mostra a integración da tecnoloxía de Verificación de Sinatura Dinámica (DSV polas súas siglas en inglés) nos dispositivos Samsung Galaxy Note. Esta solución, chamada Gradiant Signer, permite acceder e asinar de forma segura calquera documento en calquera lugar, e foi especialmente deseñada para Samsung Galaxy Note.
Ademais, no transcurso do CES 2018 Gradiant está a presentar polo miúdo outras dúas novas solucións. Por unha banda a tecnoloxía faceIDNN, que incorpora un motor de recoñecemento facial baseado en coñecemento profundo (Deep Learning) axeitado para os devanditos procesos de onboarding dixital e de Know Your Customer (KYC polas súas siglas en inglés); e selfie&sign, unha solución de recoñecemento facial para inicio de sesión biométrico con dispositivos móbiles que inclúe un mecanismo de suplantación de identidade baseado na verificación simultánea da sinatura e a faciana.

PUBLICIDADE