Gradiant presenta en Mindtech a súa nova (a cuarta) spin-off: Dokken

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

Parte do equipo do centro tecnolóxico galego Gradiant implicado no proxecto ItDP participa estes días na nova edición de Mindtech by ASIME, que se celebra no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) do 17 ao 19 de xuño, para presentar a innovadora ferramenta que desenvolveron con vistas a impulsar a dixitalización de procesos empresariais mediante o uso de Intelixencia Artificial e modelos xenerativos e que sairá en datas vindeiras ao mercado coa denominación de Dokken, converténdose na cuarta spin-off do centro tecnolóxico.
Segundo explicou Gradiant, o xerme de Dokken é o proxecto ItDP, financiado polo programa Ignicia da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e desenvolvido e acelerado dentro de Gradiant desde 2023. Agora o proxecto está na fase final de desenvolvemento do seu MVP (Produto Mínimo Viable) e prepárase para saír ao mercado coa denominación de Dokken.
Gradiant informou que xa se iniciou o proceso de validación con potenciais clientes, así como tamén os contactos con posibles investidores que impulsen a seguinte fase de crecemento do proxecto.
Dokken é unha ferramenta para o procesamento intelixente de documentos empresariais típicos, como pedidos, facturas ou albarás, que, a través da dixitalización e o uso da IA, permite a optimización de tempos e custos. “A revisión por parte dun empregado destes documentos pode supoñer ao redor de 110 segundos de traballo, como mínimo, por cada un. A automatización deste proceso permite reducir exponencialmente este tempo e desbotar posibles erros derivados da revisión humana. A ferramenta posibilita ademais, xestionar mellor os inventarios internos da empresa e preparar automaticamente orzamentos, facturas e albarás”, explica Faustino Castro Sanjorge, director do proxecto en Gradiant.
“Existen múltiples ferramentas no mercado orientadas á extracción de campos de documentos, como por exemplo CIFs ou prezos no caso dunha factura, pero xeralmente basean o seu funcionamento na utilización de persoais ou modelos de IA pre-adestrados con dificultades de funcionamento en escenarios de gran heteroxeneidade de formatos e con presenza de información non textual. A nosa ferramenta posúe funcionalidades que non se atopan nas solucións que están actualmente dispoñibles no mercado. Por exemplo, non só interpreta textos, senón tamén táboas e outro tipo de información gráfica como esquemas, diagramas, selos ou sinaturas, permitindo a posterior aplicación de lóxicas de negocio”, engade Faustino Castro.
A futura saída de Dokken ao mercado é outro caso de éxito máis para Gradiant na incubación, maduración e transferencia de tecnoloxías e reflicte, nas súas palabras, “a madureza do noso centro tecnolóxico, posicionado como un dos líderes nacionais no ámbito das TIC”.
Facendo un algo de balance, Gradiant lembrou que entre 2019 e 2024 lanzou tres spin-offs (Alice Biometrics, Sense Aeronautics e unha terceira especializada en tecnoloxías de detección, clasificación e neutralización de drons) cun valor de máis de 40 millóns de euros e máis de 60 traballadores e incuba, ademais de Dokken, Kiur, unha ferramenta do ámbito da eSaúde para o tratamento de feridas crónicas. “Converter nun centro tecnolóxico de referencia a nivel nacional na xeración de spin-offs, algo polo que sempre apostamos como vía para xerar riqueza no territorio, a través da creación de postos de traballo de alta cualificación e da fidelización de talento especializado na contorna, impulsando así o ecosistema de innovación en Galicia e España”, sinala Luís Pérez Freire, director xeneral de Gradiant. “Esperamos atraer novos investidores, tanto públicos como privados, e contribuír a mobilizar recursos cara á economía do coñecemento. O investimento en tecnoloxía é fundamental e rendible”, engade Pérez Freire.