Gradiant presenta en Roma a súa e-wallet para as administracións públicas europeas
mércores, 24 de xaneiro do 2024
O centro tecnolóxico Gradiant asistía o pasado luns 22 de xaneiro a unha conferencia en Roma sobre xestión de identidade en servizos públicos e presentaba a súa solución e-wallet, xa dispoñíbel para o seu uso nas administracións públicas europeas. Deste xeito, Gradiant amosou na capital italiana a eficacia e seguridade da súa carteira dixital para a verificación de identidade na súa aplicación en institucións e entidades públicas.
Esta ferramenta foi desenvolvida no marco do proxecto europeo Impulse, coordinado por Gradiant, e que chega así ao seu fin tras tres anos desde a súa posta en marcha. Durante o evento, presentáronse os resultados de Impulse, mantivéronse debates con expertos e administracións públicas asociadas, amais de relatorios enfocados a servizos públicos potenciados pola identidade electrónica.
Esta innovación está pensada para substituír aos certificados dixitais actuais e facilitar os trámites dos cidadáns europeos coa administración nacional e internacional e constitúe unha das primeiras e-wallets en recibir o selo de conformidade a nivel europeo, EBSI polas súas siglas en inglés, que a acredita como unha das probas de identidade seguras e compatíbeis co seu modelo regulatorio para a identificación dixital de cidadáns.
Luís Pérez Freire, director xeneral de Gradiant, sinala que “no proxecto Impulse traballamos para estar tecnoloxicamente preparados, de modo que as empresas e os cidadáns poidan aproveitar desde o principio as enormes oportunidades que abrirá a próxima entrada en vigor do regulamento eIDAS v2, que permitirá derrubar as fronteiras europeas no uso seguro de servizos en liña, tanto con entidades privadas como coa Administración”.
A carteira baséase no concepto de identidade dixital e recolle nunha aplicación móbil os datos de maneira segura e verificábel para que poidan ser presentados ante calquera institución con tan só escanear un código QR.
Engadir que Impulse está encamiñado a realizar unha análise multidimensional, centrada no usuario, do impacto transformador da utilización de Intelixencia Artificial (IA) e Blockchain nas identidades electrónicas (eID) para mellorar o acceso aos servizos públicos dixitais.
Alén da e-wallet, Gradiant contribuíu á integración dun novo mecanismo baseado en Smart Contracts para a xestión de consentimento informado do cidadán. Encargouse tamén do desenvolvemento e despregadura da aplicación móbil e a plataforma de xestión de Impulse, que se aplicou en seis centros piloto: Ertzaintza, Concello de Xixón, os municipios de Peshtera (Bulgaria) e de Reykjavik (Islandia), Asociación Italiana de Cámaras de Comercio (UCIC) e a cidade de Aarhus (Dinamarca).