Gradiant presenta o satélite español de AgrifoodTEF
martes, 16 de xullo do 2024
O Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, participou os días pasados en Madrid na presentación do satélite español de AgrifoodTEF, que, segundo as entidades impulsoras, trátase do “maior proxecto de Europa enfocado na Intelixencia Artificial e na robótica dentro do sector agroalimentario”.
Segundo engadiron, AgrifoodTEF (siglas de Testing and Experimentation Facilities), é unha rede de infraestruturas de proba e validación en contornas reais, tanto físicas como virtuais, deseñada para o desenvolvemento de tecnoloxías, produtos ou servizos, poñendo o foco en áreas innovadoras como a IA e a robótica.
Este proxecto conta cun orzamento total de 60 millóns de euros en Europa e 5 millóns de euros en España (2,5 millóns de euros provenientes da Comisión Europea e outros 2,5 do Ministerio Español de Agricultura, Pesca e Alimentación) e ten unha duración de 5 anos, de 2023 a 2027.
A iniciativa está conformada por 2 nodos (Italia, e Francia) e 6 satélites (Austria, Bélxica, España, Países Baixos, Polonia e Suecia) que agrupan a máis de 30 entidades colaboradoras.
O evento comezou coa inauguración oficial que estivo a cargo de Isabel Bombal, directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de España, quen destacou a importancia de iniciativas como esta para o sector agroalimentario español e o papel fundamental do Ministerio para este e outros proxectos que “impulsarán a súa transformación e crecemento”.
Coa intervención de Raffaele Giaffreda, coordinador europeo da iniciativa, presentouse o proxecto a nivel global. En representación da UCO, Rosa Gallardo Cobos, explicou parte da iniciativa do satélite español do proxecto AgrifoodTEF. O investigador de Gradiant Marcos Álvarez, responsábel da área de investigación pública, presentou aos diferentes socios do nodo galego no proxecto e compartiu a experiencia do centro tecnolóxico galego no ámbito da dixitalización do sector agroalimentario desde hai case unha década en iniciativas estatais e europeas. Así mesmo, explicou as tecnoloxías que Gradiant pode poñer ao dispor das empresas que se unan ao proxecto. Tamén se destacaron as infraestruturas e servizos do satélite español, con intervencións de Lluis Miguel Pla profesor da Universitat de Lleida; Manuel López Luaces, responsábel da área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e Javier Mesas e Francisco Márquez, profesores da Universidade de Córdoba.
Logo presentáronse outros proxectos de Intelixencia Artificial aplicados ao sector agroalimentario. O investigador de Gradiant Joaquín Lago, que traballa no proxecto GC4SHEEP, un proxecto de I.A. envorcado na inseminación artificial para mellora do ovino leiteiro, explicou os últimos avances nesta iniciativa polo grupo operativo supraautonómico. Tamén se presentaron outros proxectos, como por exemplo La Vega Innova ou IA para estimación de la recogida de uva para vinificación.
Para finalizar levouse a cabo un panel de expertos moderado por Maite Ambrós, subdirectora xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio, onde se discutiu o potencial de AgrifoodTEF e outros proxectos de IA para responder as necesidades de aceleración no sector agroalimentario español. O panel contou coa presenza de Lucía Castro, xerente do hub galego DATAlife, en representación do nodo galego de AgrifoodTEF España; Adolfo Peña, en representación de AgrifoodTEF do nodo cordobés de AgrifoodTEF España; Jorge Blanco, director de I+D+i de Greenfield Technologies; e Zheni Valerieva, xestor de vendas de Hyperplan.
O evento concluíu pola tarde cun obradoiro en grupos reducidos onde as empresas participantes traballaron cos especialistas de AgrifoodTEF para explorar como o proxecto pode acelerar o desenvolvemento dos seus produtos e servizos.