Gradiant, recoñecido nos Premios IA con Impacto Social de AMETIC 2025

venres, 25 de abril do 2025 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant foi recoñecido nos Premios IA con Impacto Social de AMETIC 2025 na categoría R D i on AI Award, que distingue as mellores prácticas e resultados en investigación, desenvolvemento e innovación en Intelixencia Artificial desde unha perspectiva ética. O premio destaca o traballo realizado polo centro vigués en Kiur, unha tecnoloxía sanitaria baseada en IA para a detección e tratamento de feridas crónicas que será lanzada proximamente como spin-off.
Segundo explican fontes de Gradiant, Kiur é unha ferramenta de soporte á decisión clínica que permite aos profesionais sanitarios avaliar o estado dunha ferida crónica a partir dunha imaxe tomada cun dispositivo móbil, ademais o sistema analiza automaticamente os tecidos presentes e suxire o tratamento máis adecuado segundo as guías clínicas actuais, “ofrecendo ao persoal médico e de enfermería unha segunda opinión fundamentada en evidencia”. Esta tecnoloxía contribúe a estandarizar o proceso de atención, reducir os tempos de avaliación e evitar erros na aplicación de apósitos, especialmente en contextos como a atención primaria ou as residencias.
"Recibir este premio supón un impulso para seguir demostrando que a Intelixencia Artificial pode aplicarse con sentido clínico, rigor técnico e utilidade real no día a día do persoal sanitario", sinalou Óscar Pérez García, director executivo (CEO) da futura spin-off, engadindo que “o noso obxectivo con Kiur é mellorar a abordaxe das feridas crónicas, facilitando o traballo dos equipos asistenciais e contribuíndo a unha atención máis precisa e personalizada para cada paciente”.
O desenvolvemento de Kiur contou co apoio do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do proxecto ACE, que ten como obxectivo acelerar a transferencia ao mercado de tecnoloxías xurdidas en contornas científicas. Actualmente en fase de validación como tecnoloxía sanitaria, a ferramenta continúa a súa evolución cara ao seu lanzamento comercial.
Con este galardón, sinalou Gradiant, “reafirmamos o noso compromiso co desenvolvemento de solucións dixitais con impacto social, consolidando o papel do centro tecnolóxico como actor clave na transferencia tecnolóxica e a aplicación ética da Intelixencia Artificial no ámbito da saúde”.