Gradiant reforza a súa presenza en Transfiere 2025
martes, 11 de marzo do 2025
O Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, estará presente en Transfiere 2025, o principal foro europeo de I+D+i e transferencia de coñecemento, que se celebrará en Málaga do 12 ao 14 de marzo. O director xeneral de Gradiant, Luis Pérez Freire e o xerente, Fernando Jiménez, formarán parte da delegación de ATIGA, que representará neste evento a capacidade innovadora e tecnolóxica de Galicia.
A delegación da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) estará encabezada polo seu presidente e director xeneral de AIMEN, Jesús Lago, sendo o seu obxectivo pór en valor a puxanza galega no sector tecnolóxico.
Os sete centros tecnolóxicos galegos que integran ATIGA (AIMEN, ANFACO, CETIM, CTAG, EnergyLab, Gradiant e ITG) recalan en Transfiere tras un 2024 ateigado de “éxitos”, salientan dende ATIGA, que contará en Transfiere 2025 cunha caseta propia na zona habilitada pola organización para os centros tecnolóxicos integrados na Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT).
A presenza de Galicia en Transfiere 2025 contará co respaldo adicional da Xunta de Galicia que, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), liderará unha misión específica para promover as capacidades tecnolóxicas e industriais da comunidade.
GAIN atópase inmersa nunha intensa campaña de difusión das capacidades do ecosistema tecnolóxico galego, que continúa demandando talento para integrar os persoais dos centros tecnolóxicos. Para facernos unha idea desta demanda, en 2024 os sete centros integrados en ATIGA publicaron preto de 300 ofertas laborais para persoal de alta cualificación.
En palabras da Alianza, a participación en Transfiere 2025 “preséntase como unha oportunidade para seguir proxectando o papel dos centros tecnolóxicos como eixe vertebrador da innovación en Galicia” e “consolidar a posición da comunidade como un referente nacional e internacional en tecnoloxía e transferencia de coñecemento en ámbitos tan diversos como a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, o sector metalmecánico ou a investigación no sector alimentario”.