Gradiant reforza o seu Consello Empresarial coa incorporación de Mestrelab Research
martes, 15 de xullo do 2025
Mestrelab Research (Mestrelab), empresa galega de referencia internacional no desenvolvemento de software científico, vén de sumarse ao Consello Empresarial de Gradiant, con sede en Vigo. E fíxoo nun momento clave para o centro tecnolóxico galego, que recentemente aprobou o seu plan estratéxico 2025-2027 orientado a seguir impulsando as tecnoloxías dixitais e deep tech e consolidar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico como motor de competitividade na empresa.
Dende Gradiant lembran que o Consello Empresarial xoga “un papel fundamental na consecución deses obxectivos ao funcionar como foro de diálogo estratéxico e unha canle bidireccional que contribúe a aliñar as capacidades de I+D de Gradiant coas necesidades reais das empresas”.
Con 100 empregados e unha facturación de 14 millóns de euros (datos de 2024), Mestrelab representa un dos piares da división SciY do grupo multinacional Bruker Corporation, no que está integrada, e é, segundo lembra Gradiant, “un motor clave de innovación en Galicia e un exemplo de proxección internacional”. Ademais, engade o centro tecnolóxico, “Mestrelab contribúe activamente á transformación dixital e a preparación para a Intelixencia Artificial dos laboratorios do futuro, cun software de seu que é empregado por máis do 80% das principais farmacéuticas do mundo, así como tamén por moito das universidades e institucións gobernamentais máis prestixiosas”.
Segundo sinala Santiago Domínguez, de Mestrelab, “levamos máis de 20 anos axudando a científicos a transformar datos complexos de química analítica en coñecemento accionable, mediante ferramentas de software flexibles e doadas de empregar. Tamén proporcionamos solucións para a automatización dos fluxos de traballo de datos, impulsando así a dixitalización dos laboratorios. A nosa colaboración cos nosos socios dentro do ecosistema de SciY permítenos ampliar aínda máis estas capacidades, ofrecendo solucións orientadas á estandarización de datos e á adopción dos principios FAIR nas operacións diarias do laboratorio”.
En palabras de Pablo Álvarez Freire, director do CIM e novo membro do Consello Empresarial de Gradiant, está claro que “Galicia desenvolve tecnoloxías dixitais de alta complexidade e valor para sectores fundamentais a nivel mundial e alianzas como esta reforzan a nosa proxección internacional”.
“A entrada de Mestrelab no Consello Empresarial de Gradiant reforza unha alianza natural entre ambas as entidades ao redor do impulso da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, así como tamén da proxección internacional do coñecemento xerado en Galicia e a súa transferencia efectiva á empresa”, explica pola súa banda Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, que engade que a alianza supón “un paso máis na construción dun ecosistema onde empresa e tecnoloxía avanzan da man para afrontar os retos científicos e industriais do presente e do futuro”.
