Gradiant reforza o seu potencial de captación de fondos europeos

martes, 15 de xullo do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant anunciou os días pasados que fortalecerá a súa aposta pola captación de fondos europeos para apoiar ás nosas empresas con proxectos innovadores no seu seo. De feito, o pasado mes de xuño deuse a coñecer a resolución provisional da convocatoria de actividades de dinamización Europa Centros Tecnolóxicos do Ministerio de Economía e Competitividade, e nesta resolución confírmase que Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) será un dos seus beneficiarios. Cómpre lembrar que con esta convocatoria, o devandito Ministerio de Economía apoia aos centros tecnolóxicos con experiencia probada en financiamento europeo (dotados de oficinas de proxectos europeos con casos de éxito demostrados).
O obxectivo é aumentar o volume de retornos captados do programa H2020 da Unión Europea fronte ao Sétimo Programa Marco, tanto para o centro tecnolóxico como para as empresas da súa contorna. A convocatoria tamén busca aumentar o liderado de centros como Gradiant neste tipo de Proxectos Europeos H2020, informan fontes do centro vigués, que engaden (retomando a información coa que abrimos este artigo) que este impulso posibilitaralle reforzar a súa aposta pola captación de fondos do programa Horizonte 2020 (H2020) dotado con preto de 80.000 millóns de euros.
Lembrar tamén que en datas recentes, Gradiant subscribiu un contrato de gran relevancia co Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) para axudar ás empresas nacionais a conseguir financiamento H2020 para as súas apostas de Investigación e Desenvolvemento (I+D) Desta forma, informan fontes do centro galego, “Gradiant reforza a súa posición como o socio perfecto para acompañar ás empresas de Galicia e España na súa internacionalización a través de proxectos europeos”. A dirección de Gradiant tamén recorda que a aposta do centro tecnolóxico galego pola captación de fondos europeos “foi constante desde o seu nacemento en 2008”, e que froito deste esforzo, “o centro acadou dende 2011 sete proxectos europeos FP7, mesmo liderando dous deles, e asegurouse preto de 4 millóns de euros en ingresos provenientes destes proxectos”.

PUBLICIDADE