Gradiant reúne esta semana en Baiona á elite da comunicación europea por satélite

mércores, 5 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O eido internacional das máis avanzadas tecnoloxías para comunicármonos e estarmos informados dirixe estes días a súa ollada cara a nosa terra. Máis polo miúdo cara a Baiona, que é a sede, dende este mércores 5 ata o venres 7 de setembro, dun congreso europeo en comunicacións por satélite, o Advanced Satellite Multimedia Systems Conference, cuxa apertura oficial celébrase este xoves no Parador Conde Gondomar (logo dos primeiros achegamentos entre os participantes e organizadores programados este mércores). Na cita de apertura, por certo, está prevista a presenza de “notables figuras da Axencia Espacial Europea e da Axencia Aeroespacial Alemana”, informa o Centro Gradiant, responsable xunto coa Universidade de Vigo da edición galega dun congreso que se celebra cada dous anos.
A convocatoria galega responde á estreita colaboración, afianzada ao longo destes anos, das ditas entidades coa Axencia Espacial Europea e outros socios europeos do ámbito das comunicacións por satélite avanzadas. O responsable local da organización do evento será o profesor Carlos Mosquera, director da área de Comunicacións de Gradiant.
Para a celebración deste evento, contarase coa presenza duns 100 investigadores europeos, de Norteamérica e Asia, procedentes de centros de I+D e universidades, pero tamén de eido privado (empresas, entre as que cómpre salientar Inmarsat ou Eutelsat). Abordaranse, entre outros temas, os sistemas modernos de observación da Terra, comunicacións ultrarrápidas por satélite, recollida de datos para cidades e redes intelixentes, así como a navegación e as comunicacións en mobilidade.