Gradiant únese a NVIDIA Metropolis para impulsar as súas solucións de IA en análise de vídeo
martes, 6 de agosto do 2024
O centro tecnolóxico vigués Gradiant uniuse a NVIDIA Metropolis, un programa de socios e un ecosistema internacional de desenvolvedores enfocado a levar ao mercado unha nova xeración de aplicacións de Intelixencia Artificial para a análise de vídeo, ferramentas deseñadas para facer que os espazos e as operacións máis importantes do mundo sexan máis seguras e eficientes.
A través da súa solución Bird Detection, Gradiant pode proporcionar identificación e clasificación en tempo real de aves en espazos abertos como parques eólicos terrestres e mariños, aeroportos e outros escenarios naturais, contribuíndo así a aumentar a seguridade das especies de aves en múltiples contornas.
Gradiant utilizará as tecnoloxías de NVIDIA para axudar a mellorar o seu coñecemento en análise de vídeo impulsado por IA para a detección e clasificación automatizada de aves.
O centro vigués explica que o procesamento dos algoritmos da solución realízase no edge, “utilizando a plataforma de Intelixencia Artificial NVIDIA Jetson Edge”. Gradiant tamén utiliza NVIDIA DeepStream SDK para mellorar o rendemento do fluxo de transmisión de vídeo e NVIDIA TensorRT para mellorar o rendemento dos seus algoritmos de aprendizaxe automática.
Luis Pérez Freire, director xeneral de Gradiant, describe a colaboración con NVIDIA como “un novo fito que posiciona de novo á nosa organización no escenario internacional engadindo valor ao ecosistema de visión IA”. Tamén a describe “como unha oportunidade para seguir mellorando e acelerando os nosos desenvolvementos en aplicacións de IA mediante o acceso aos últimos desenvolvementos e solucións de NVIDIA”.
En última instancia, esta colaboración axudará a Gradiant a posicionarse á vangarda da innovación no sector da IA e a seguir avanzando na súa tecnoloxía nun momento crucial para a adopción da IA.