Gradiant volve á RSA Conference coas súas últimas innovacións en seguridade e privacidade

venres, 25 de abril do 2025 S. P.

Un ano máis, Gradiant estará presente na RSA Conference 2025, o evento de referencia mundial en ciberseguridade. Celebrarase do 28 de abril ao 1 de maio en San Francisco baixo o lema Many voices. One community e neste prestixioso punto de encontro o centro tecnolóxico galego dará a coñecer as súas solucións en seguridade e manterá un contacto directo co ecosistema global do sector.
Fronte a ameazas como o roubo de datos, os ciberataques ou as violacións de privacidade, Gradiant mostrará as súas recentes solucións adaptadas ás necesidades reais de empresas e usuarios para garantir a seguridade dos seus datos.
Nesta edición, Gradiant presenta un conxunto de solucións deseñadas para afrontar os retos máis esixentes en materia de ciberseguridade:
SafeGate by Gradiant
Esta solución está enfocada ao sector financeiro. Permite integrar e facer monitoraxe de procesos de negocio que utilizan hardware criptográfico (HSM). Facilita unha xestión centralizada, optimiza recursos e reduce custos mediante unha integración sinxela con aplicacións financeiras grazas á súa API de alto nivel.
IDhub by Gradiant
Este sistema centraliza os certificados dixitais en HSMs na nube, permitindo un acceso seguro desde calquera lugar e dispositivo. Ofrece control en tempo real, ACLs personalizadas e unha potente API para integrar con aplicacións corporativas. Está especialmente dirixido a entidades que xestionan grandes volumes de datos sensíbeis.
fAIr by Gradiant
Gradiant tamén mostrará fAIr by Gradiant orientada a combater as ameazas emerxentes derivadas do uso malicioso da IA Xenerativa. Esta plataforma permite a detección de imaxes, vídeos e audios manipulados e xerados sinteticamente, non só deepfakes. Ademais, tamén facilita coñecer a rastrexabilidade do contido multimedia por distintas redes sociais e a protección do contido multimedia contra o uso malicioso de ferramentas baseadas en IA xenerativa. FAIr by Gradiant é capaz de detectar deepfakes en contidos multimedia, identificar manipulacións en voz, imaxe e vídeo en tempo real. “Un avance crucial para sectores como o financeiro, asegurador ou os medios de comunicación, onde protexer a integridade das interaccións dixitais é vital para preservar a confianza”, adiantan dende o centro tecnolóxico galego.
Estas solucións presentaranse no Pavillón de España coordinado por INCIBE e ICEX, no Moscone South Expo, no booth S-0642. Os asistentes poderán coñecer en detalle as súas funcionalidades e beneficios aplicábeis a múltiples sectores empresariais.
RSA Conference: un punto de encontro clave para a ciberseguridade
Durante máis de tres décadas, a RSA Conference foi un espazo clave para profesionais da ciberseguridade a nivel mundial. Máis aló dos relatorios, trátase dun foro de intercambio de coñecemento, descubrimento de novas solucións e creación de conexións estratéxicas que impulsan a transformación do sector. A edición 2025 ofrece unha nova oportunidade para ampliar horizontes na innovación e as tecnoloxías avanzadas fronte a un panorama de ameazas en ciberseguridade cada vez máis complexo.
Coa participación na RSA Conference 2025, Gradiant reforza a súa posición como socio tecnolóxico de referencia no ámbito da seguridade e a privacidade dos datos.