Grand Theft Auto V estrea un trailer triplo

martes, 30 de abril do 2013 Marcus Fernández

Un dos xogos máis agardados para este ano é sen dúbida Grand Theft Auto V, que chegará a Xbox 360 e PlayStation 3 o 17 de setembro, e para animar a espera non se conformaron con lanzar un novo trailer, senón que optaron por unha solución orixinal: publicar un trailer triplo, a través dun elemento interactivo que permite elixir entre o trailer de cada un dos 3 protagonistas dos novo xogo de Rockstar, chamados Michael, Franklin e Trevor, e que prometen enriquecer a experiencia de xogo desta nova entrega de GTA.
O xogo permitirá tomar o papel de cada un dos personaxes cando sexa posible (algunha das misións precisará do uso dun dos protagonistas en concreto), polo que as distintas partidas serán bastante variadas, ao poder abordarse as misións con diferentes enfoques, dando aínda máis liberdade que en entregas anteriores desta saga.
Os protagonistas de Grand Theft Auto V son bastante variados: Michael é o veterano do grupo, un ex atracador de bancos que esgotou a súa fortuna e ten que resolver os seus problemas familiares mentres volve ao mundo do crime; Franklin é o novato, que foi polo mal camiño en boa medida polas súas malas compañas; e Trevor é o máis hábil do equipo, capaz de pilotar helicópteros e avións e conducir vehículos de todo tipo. Tres personaxes cos que iremos familiarizándonos nos vindeiros meses, para que cando o xogo chegue ás tendas poidan gañarse o recoñecemento como no seu día fixeron Niko Bellic, Claude, Toni Cipriani, Tommy Vercetti ou Carl CJ Johnson.


Novo trailer triplo de Grand Theft Auto V

PUBLICIDADE