Grande interese polo proxecto para fabricar en Galicia un prototipo do CERN

martes, 23 de xuño do 2026 Redacción

Máis de 130 empresas e axentes de I+D+i participaron hoxe nas xornadas informativas organizadas para presentar o proceso destinado á fabricación en Galicia dun prototipo para o futuro acelerador de partículas do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), un dos proxectos científicos e tecnolóxicos máis ambiciosos previstos a nivel internacional para os vindeiros anos. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salientou a elevada participación e destacou que esta iniciativa evidencia a fortaleza e excelencia do ecosistema científico galego.
«É un orgullo para a nosa I+D+i que Galicia poida estar presente neste desafío mundial e é unha boa nova contar hoxe neste encontro cun número tan importante de empresas, mostra do interese que esperta no sector esta iniciativa», sinalou o conselleiro durante a xornada celebrada no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia. O encontro serviu para presentar as necesidades dun proxecto internacional no que diversos países colaborarán na construción do Futuro Colisionador Circular, que terá a súa sede en Xenebra (Suíza).
Ao encontro asistiron presencialmente 53 representantes empresariais, mentres que preto de 80 persoas seguiron as sesións por vía telemática. Ata o vindeiro 9 de xullo permanece aberta unha consulta preliminar ao mercado para que as compañías interesadas en participar na fabricación do prototipo poidan presentar a súa candidatura.
Durante a xornada abordáronse os detalles da participación neste reto científico e tecnolóxico, así como o seu impacto potencial nos ámbitos galego, estatal e internacional. Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, animou ás empresas a implicarse no proceso. «Sodes un elemento fundamental para que este proxecto de referencia internacional chegue a bo porto e poidamos fabricar en Galicia un dos prototipos para o colisionador do CERN», afirmou.

Colaboración a varias bandas

A aspiración de Galicia de construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN é resultado da colaboración entre a Xunta, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e o IGFAE, integrante da Rede CIGUS e cunha ampla traxectoria de cooperación co CERN.
A xornada contou tamén coa participación da reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; do secretario xeral do CDTI, Francisco Javier Pérez, e do director do IGFAE, Carlos Salgado.
A consulta preliminar ao mercado permitirá avaliar o nivel de desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras vinculadas aos colisionadores de partículas para acometer o prototipado completo e a preindustrialización dunha sección representativa do futuro acelerador. Unha vez finalizada esta fase, continuará o procedemento de compra pública innovadora mediante contratación precomercial impulsada polo CDTI, coa finalidade de canalizar a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i.
Trátase dun dos proxectos científicos máis relevantes da próxima década, cun potencial transformador tanto para os centros de investigación como para as rexións que logren integrarse no seu desenvolvemento.

Felicitación a Mar Capeáns

O Futuro Colisionador Circular proxéctase como unha infraestrutura científica de máis de 90 quilómetros de circunferencia situada baixo a fronteira entre Francia e Suíza. A súa construción permitirá impulsar avances en campos con aplicación directa na sociedade, entre eles os materiais supercondutores, os aceleradores e detectores para uso médico, a enerxía ou os sistemas de transmisión eléctrica.
Román Rodríguez subliñou que a posición de Galicia para optar a participar neste proxecto europeo e internacional é consecuencia de anos de colaboración continuada co CERN. Neste marco destacou o papel do IGFAE e da investigadora Mar Capeáns, científica galega que será distinguida este ano coa Medalla Castelao pola súa destacada traxectoria profesional.
O conselleiro definiuna como «unha das nosas científicas máis destacadas» e felicitouna por este recoñecemento.

Empresas especializadas

As empresas presentes no encontro dispoñen de capacidades en ámbitos como o electromagnetismo (deseño e caracterización de sistemas magnéticos), o ultra alto baleiro (deseño de cámaras e recubrimentos especiais), a mecánica de precisión, a metroloxía e o aliñamento de alta exactitude, a robótica e a automatización mediante sistemas de operación remota, a instrumentación e control con sensores e ferramentas de monitorización, a simulación avanzada de modelos electromagnéticos, térmicos, estruturais e hidráulicos, así como a integración, validación, cualificación e industrialización de sistemas complexos.