Grande presenza do software libre nas empresas galegas
venres, 26 de decembro do 2025
Preto do 90 % das empresas galegas con máis de 10 empregados empregan aplicacións de software libre, unha porcentaxe que supera o 67 % no caso das microempresas. Asà o reflicte o estudo O Software Libre nas Empresas de Galicia, elaborado polo OSIMGA, adscrito á AMTEGA. A análise baséase nos datos da Enquisa sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas que realiza anualmente o INE, cedidos a OSIMGA ao abeiro dun convenio de colaboración.
Entre as solucións máis empregadas sobresaen os navegadores de Internet (95,5 %), as aplicacións ofimáticas (75,3 %) e os sistemas operativos libres (51,5 %).
As aplicacións de análise de Big Data con licenza libre foron as que rexistraron o maior crecemento en 2024, cun incremento do 45 % nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados respecto de 2023. Ademais, Galicia sitúase na terceira posición a nivel estatal no uso de aplicacións libres de planificación de recursos empresariais e de xestión da relación cos clientes, cun 33,5 % entre as empresas de maior tamaño da comunidade.
Diferenzas por sectores e provincias
O sector da construción encabeza a implantación do software libre nas empresas grandes, con taxas superiores ao 89 %. Nas microempresas, pola súa banda, é a industria a que presenta a maior utilización, cun 76,8 %.
No ámbito provincial, A Coruña destaca entre as empresas de maior tamaño, cun 88,7 %, mentres que Pontevedra lidera o uso nas microempresas, cun 69,3 %.
