Grok 4 preséntase presumindo dun bo desempeño técnico

xoves, 10 de xullo do 2025 Redacción

A compañía de intelixencia artificial de Elon Musk, xAI, lanzou a pasada noite Grok 4, o seu novo modelo de IA, acompañado dun plan de subscrición de gama alta chamado SuperGrok Heavy, que custa 300 dólares mensuais. O anuncio chega nun momento de tensión para o conglomerado empresarial de Musk, marcado pola marcha da directora xeral de X e a polémica derivada polos comentarios nazis de Grok en X.
Grok 4 e Grok 4 Heavy buscan competir cos modelos máis avanzados do mercado, e xAI sostén que Grok 4 é quen de superar os niveis académicos de doutoramento en todas as materias. E na presentación de Grok 4 o propio Elon Musk detallou que o modelo Heavy introduce un enfoque baseado en múltiples axentes que colaboran entre si para atopar a mellor resposta, unha sorte de grupo de estudo virtual.
As primeiras probas sitúan Grok 4 en posición de liderado en varios baremos técnicos. Sen ferramentas adicionais, obtivo un 25,4 % no exame Humanity’s Last Exam (por enriba dos resultados de Gemini e OpenAI) e o modelo Grok 4 Heavy, con ferramentas, acadou un 44,4 %. Ademais, conseguiu unha marca récord no test ARC-AGI-2, deseñado para avaliar a capacidade dos modelos para resolver patróns visuais complexos.
O novo plan SuperGrok Heavy ofrecerá acceso anticipado ao modelo máis potente de xAI, así como ás funcións que se prevé lanzar nos vindeiros meses: un modelo de xeración de código en agosto, un axente multimodal en setembro e un sistema de xeración de vídeo en outubro. Trátase da subscrición máis cara entre os principais provedores de IA do mercado.
Con Grok 4 dispoñible xa a través de API e o foco posto na expansión empresarial, xAI enfróntase ao desafío de gañar a confianza do sector corporativo, o que semella difícil dada a pouca estabilidade de Elon Musk.