Grupo Nueva Pescanova valida os primeiros prototipos dunha IA para optimizar a produción de surimi

xoves, 8 de xaneiro do 2026 S. P.

O grupo galego Nueva Pescanova iniciou a fase de validación dos primeiros prototipos dunha nova ferramenta baseada en intelixencia artificial (IA) orientada a optimizar a produción de surimi. Estes prototipos comezarán a aplicarse na fábrica de Chapela ao longo do mes de xaneiro, segundo informou a compañía, engadindo que estamos ante unha solución enmarcada no proxecto PremIA. Esta iniciativa de I+D ten o obxectivo de “desenvolver un novo sistema preditivo baseado en IA, cuxo obxectivo é mellorar a eficiencia e calidade na produción de peixe, marisco e produtos derivados”.
Máis polo miúdo, a finalidade de PremIA é “deseñar e habilitar unha ferramenta capaz de analizar grandes volumes de información, detectar patróns ocultos e xerar modelos estatísticos que permitan prognosticar o comportamento futuro da produción”.
A súa aplicación permitirá anticipar tempos, rendementos e necesidades, facilitando a toma de decisións estratéxicas fundamentadas en datos fiables, informou o grupo, sinalando que o proxecto consta de dúas liñas de investigación. Por unha banda, a aplicación de IA na produción de surimi co fin de maximizar a eficiencia do proceso e optimizar o valor nutricional, a textura e o sabor do produto final. Pola outra, o desenvolvemento de algoritmos avanzados de IA para predicir a vida útil do lagostino cocido co fin de mellorar o control de calidade, reducir o desperdicio alimentario e reforzar a seguridade do produto.
“A liña de investigación na produción de surimi é actualmente a máis avanzada”, apunta a compañía alimentaria galega, salientando que “neste caso, a ferramenta de IA é capaz de predicir a combinación óptima de materias primas para obter os mellores rendementos en fábrica, optimizar os custos e garantir, ao mesmo tempo, o cumprimento dos estándares do produto terminado”.
O proxecto PremIA enmárcase no programa IG408M – IA 360 de axudas para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante intelixencia artificial impulsado polo IGAPE, e conta coa colaboración económica dos fondos Next Generation da Unión Europea, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Gobierno de España.