Guitiriz destina axudas para a redución da fenda dixital no curso escolar 2024-2025
venres, 23 de agosto do 2024
O Concello de Guitiriz destina un orzamento de 16.000 euros para financiar as diferentes liñas de axudas para a compra de material, transporte e redución da fenda dixital dirixidas a escolares para o curso 2024-2025. Está convocatoria establece como beneficiarias ás familias empadroadas no municipio que teñan menores ao seu cargo matriculados en centros públicos de Educación Infantil (2º Etapa, de 3 a 5 anos), BAC, ESO e matriculados en ciclos formativos ou universitarios.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro. A documentación e as bases cos requisitos de participación poden obterse na páxina web municipal ou de xeito presencial nas oficinas de Servizos Sociais Municipais ou no Rexistro Xeral do Concello de Guitiriz.
No paquete de axudas inclúense recursos para axudar ás familias a salvar a fenda dixital existente no rural. Habilítanse dúas liñas: por unha banda, axudas para a mellora da conexión dixital, para que o alumnado de 5º e 6º de Primaria e o da ESO poida acceder a contratos de liñas Wi-Fi, de subministro de datos ou doutros dispositivos existentes no mercado; pola outra, para a adquisición de dispositivos tecnolóxicos (computadoras, portátiles ou tabletas), dirixida ao alumnado de 4º da ESO e Bacharelato empadroado en Guitiriz, independentemente de que curse estudos en centros fóra do municipio.
Estas axudas enmárcanse dentro da Liña 3 Cooperación, solidariedade e desenvolvemento humano do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Guitiriz. As axudas irán destinadas ás familias, tendo en conta o poder adquisitivo do concello e serán compatíbeis con calquera outra que reciban polo mesmo concepto.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “con estas axudas o Goberno municipal busca que os nenos e nenas de Guitiriz poidan ter as mesmas oportunidades de estudo, ao tempo que as familias poidan afrontar os diferentes gastos do curso escolar”.