HBO cae preto de 4 horas ante a estrea de Game of Thrones

luns, 15 de abril do 2019 Marcus Fernández

Esta madrugada era un momento moi esperado polos seareiros da serie de televisión Game of Thrones, xa que estreábase a súa oitava tempada máis de ano e medio despois do último episodio da sétima, co incentivo adicional de que esta tempada será a derradeira, pechando así unha produción nacida en 2011 e que converteuse no grande reclamo para a contratación da plataforma de vídeo baixo demanda de HBO, que en España non só ten a que probablemente sexa a aplicación deste tipo coa peor interface de usuario do mercado, senón que está mañá padeceu unha incidencia que enfureceu a moitos subscritores.
A expectación polo novo episodio de Game of Thrones fixo que moitos usuarios de HBO, en vez de trasnoitar, madrugasen para ver a nova entrega dun dos fenómenos do audiovisual máis importantes da presente década, atoparon que a partires das sete da madrugada o servizo padeceu problemas técnicos, interrompendo a reprodución para moitos espectadores, e forzando a que a plataforma que dá servizo a varios países europeos tivese que pórse en mantemento até preto das once da mañá, cando dende HBO deron a incidencia por solucionada, desculpáronse e aseguraron confiar en que non se repitan problemas semellantes.
Unha vez máis as plataformas de streaming confirman estar preparadas para usos ordinarios, pero teñen serios problemas á hora de soportar picos de tráfico provocados por grandes estreas ou por retransmisións de eventos en directo.

PUBLICIDADE