HEROCast permite empregar cámaras GoPro para retransmisións televisivas en directo

martes, 14 de abril do 2015 Marcus Fernández

As cámaras de acción levan un tempo incorporando funcionalidades de comunicacións sen fíos para facilitar a súa monitorización e o seu control a distancia, pero GoPro, para continuar a conservar a súa posición de liderado no sector, quixo levar máis adiante estas tecnoloxía e anuncia HEROCast, un transmisor que pode conectarse a unha das súas cámaras para poder empregar o sinal de vídeo recibido en retransmisións televisivas.
Esta tecnoloxía xa se probou por parte da canle ESPN durante os últimos X Games de Aspen e a última Honda All Star Weekend (NHL), entregando vídeo en primeira persoa de competidores e xogadores, permitindo que os espectadores poidan situarse no centro da acción a través do seu televisor.
Os micro transmisores HEROCast desenvolvéronse coa colaboración de Vislink, e intégrase prefectamente cos actuais accesorios de GoPro, ofreceno vídeo a 60 cadros por segundo a 1.080 ou 720 liñas empregando codificación H.264.
HEROCast está dispoñible en dúas versións diferentes, a básica (coa que se contacta a través dun cable HDMI, para manter a cámara nun tamaño compacto e versátil) e a BacPac (na que o emisor esta conectado directamente á cámara, o que sería ideal para instalacións en paredes, vehículos e outra situacións nas que o tamaño da cámara non fose crucial). En ambos casos terían un prezo de 7.500 dólares (7.055 euros), deixando claro que non estamos ante unha solución deseñada para o público xeral, senón para contornos profesionais nos que o vídeo en primeira persoa poida resultar enriquecedor para unha retransmisións televisiva.

PUBLICIDADE