HM Rosaleda convértese no primeiro hospital privado de Galicia en adquirir o robot de prótese de xeonllo Mako

mércores, 22 de xaneiro do 2025 S. P.

O Hospital HM Rosaleda (Santiago) incorporou ao seu arsenal cirúrxico o robot Mako, converténdose no primeiro centro privado de Galicia en contar con esta ferramenta de última xeración para a realización de cirurxías asistidas para a colocación de prótese de xeonllo. “Desta forma, HM Rosaleda sitúase como referente en medicina robótica de xeonllo dentro da sanidade privada galega”, explicaron fontes do hospital.
Pola súa banda, o doutor. Sergio Pérez Abilleira, xefe do Servizo de Traumatoloxía de HM Rosaleda, apunta que “o robot Mako é un sistema cirúrxico deseñado especificamente para mellorar a precisión e seguridade nas cirurxías de substitución de xeonllo. Cunha plataforma de planificación en 3D e navegación en tempo real, permite realizar procedementos personalizados, axustando cada detalle á anatomía única de cada paciente e optimizando o axuste do implante. Ademais, esta tecnoloxía permite que a intervención sexa menos agresiva ao non liberar os ligamentos do xeonllo, o que se traduce en menos dor postoperatoria e unha recuperación máis rápida”.
O robot, engade A Rosaleda, “posibilita unha planificación detallada e personalizada da cirurxía, adaptando o procedemento á anatomía única de cada paciente, o que asegura un axuste óptimo do implante, mellorando a aliñación e funcionalidade do xeonllo”.
Así mesmo, debido á diminución do número de incisións e ao minimizar ao máximo o trauma nos tecidos, “o paciente ten unha recuperación máis rápida e con menos dor postoperatoria”, salientan dende o hospital compostelán, salientando, no capítulo de vantaxes que Mako preserva os tecidos circundantes durante a cirurxía, o que mellora significativamente a seguridade do paciente durante o procedemento. Ademais, a precisión milimétrica das cirurxías que proporcion garante a colocación exacta do implante, “o que incide positivamente nunha maior estabilidade e duración do implante”, engádese.
A abordaxe personalizada ciméntase en que os traumatólogos de HM Rosaleda deseñan un plan de tratamento individualizado coa axuda dunha imaxe 3D que, utilizando unha tomografía computarizada (TC), axuda a crear un modelo dixital do xeonllo que asegura o mellor axuste do implante no paciente. Do mesmo xeito, Mako asiste no quirófano o cirurxián e guía cada movemento con precisión permitindo incisións máis pequenas en comparación con outras técnicas, o que xoga a favor de reducir o impacto nos tecidos circundantes.