HP prepara un Chromebook convertible para o mes de abril

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Ao igual que Google conseguiu roubarlle terreo a Apple nas escolas estadounidenses, agora confirman que os Chromebooks conseguiron converterse nos equipos informáticos máis vendidos para as escolas de Suecia durante 2016, co 38% dos dispositivos comprados para as aulas, o que supón un importante incremento fronte ao 18% de 2015, deixando clara a boa recepción que tiveron este tipo de equipos nos contornos educativos.

Dende Google están a aproveitar a boa acollida dos seus equipos en Suecia para dar conta de que preparan unha nova xeración de Chromebooks para a educación (ámbito no que en EE.UU. conseguen a acaparar o 58% das vendas) entre os que destacan o HP Chromebook x360 X11 G1 Education Edition, que sairá á venda a mediados de abril, e que, como deixa claro o seu nome, será un Chromebook convertible que destacará polo seu deseño resistente, contará con carga mediante USB-C e permitirá o uso de stylus.

A principal vantaxe do uso de Chromebooks en contornos educativos é a facilidade da súa administracións, que agora vai incluír a posibilidade de poder aprobar un catálogo de aplicacións para Android que poderán correr nos novos Chromebooks.

PUBLICIDADE