HP presenta a súa alternativa aos MacBook Air de Apple

martes, 2 de decembro do 2014 Marcus Fernández

HP presentou hoxe a nova familia de ordenadores portátiles EliteBook Folio 1020, que presentan un formato ultra-delgado (15,7 milímetros) que no caso das versións Special Edition (SE) contan tamén cunha aliaxe de magnesio-litio e fibra de carbono que permítenlle reducir o seu peso até 1 quilogramo, e que claramente pode lembrarnos aos MacBook Air de Apple.
Dende HP aseguran que o HP EliteBook 1020 é o equipo neste formato máis lixeiro e delgado no mercado, facilitando realizar tarefas de produtividade en cada vez máis espazos, e non limitándose a dotar a este estes equipos cunha grande mobilidade, senón fornecéndoos tamén de seguridade avanzada (certificación TPM 1.2/2.0, HP Sure Start e lector de pegadas dixitais).
Estes novos portátiles teñen unha autonomía de até 9 horas, superan as probas de resistencia MIL-STD 810G (para temperaturas extremas, humidade, golpes e caídas), non producen ruído (carecen de ventilador), empregan almacenamento de estado sólido e integran a última tecnoloxía Intel Core M. Veñen cunha pantalla de 12,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, webcam a 720p, altofalantes frontais con HD Audio e DTS Studio Sound e teclado de grande calidade.
Uns equipos moi atractivos polo que teremos que agardar até o mes de febreiro para a súa edición ordinaria e até o mes de abril para a súa versión SE.

PUBLICIDADE