HTC actualiza 2 dos seus terminais táctiles

luns, 16 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O HTC Touch Diamond2 conta cunha pantalla táctil WVGA de 3,6 polgadas

HTC aproveitou o Mobile World Congress para actualizar varios dos seus terminais, e así deu a coñecer o Touch Diamond2 e o Touch Pro2, que supoñen unha interesante evolución e toda unha novidade para o mercado, que os sitúa como referencia dentro dos terminais con Windows Mobile.
O HTC Touch Diamond2 conta cunha pantalla táctil de 3,6 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles, nova versión da interface TouchFLO 3D, máis memoria (512 Mb de ROM e 288 Mb de RAM) e lector de tarxetas microSD.

O HTC Touch Diamond2 pode converterse nun altofalante de mans libres

O HTC Touch Pro2, pola súa banda, tamén conta cunha pantalla táctil de 3,6 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, pero engade un teclado QWERTY deslizante e confórmase cunha cámara de 3,2 Mpíxeles, gozando tamén cunha batería de maior duración e sorprendendo por incluír a nova tecnoloxía Straight Talk, que permite converter o móbil nun altofalante de mans libres cunha calidade semellante aos que podemos ver en moitas salas de xuntanzas con só pechar o móbil.
O primeiro terminal chegará ao mercado europeo a primeiros do segundo trimestre do ano, mentres que o segundo agardará a comezos do verán para chegar ás tendas.

O HTC Touch Pro2 co seu teclado deslizante convértese nun dos terminais de referencia con Windows Mobile

PUBLICIDADE