HTC pecha a súa oficina en España

mércores, 7 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Pese a ser un dos fabricantes que contribuíron á popularización de Android, HTC non está a pasar un bo momento de vendas, e a compañía vén de anunciar nun comunicado oficial o peche da súa oficina en España, aínda que manterá o seu negocio a través de distribuidores locais cos que pecharon acordos.
Este peche estaría dentro da estratexia de reordenación do negocio de HTC, que busca un modelo operativo máis áxil e lixeiro, para poder medrar no mercado dos smartphones, onde está a ter maiores dificultades. Smartphones como o HTC M9 e o HTC 10 Evo manteranse á venda, así como tamén continuará a darse servizo técnico aos produtos de HTC.
O fabricante taiwanés si manterá a súa división de realidade virtual, que ofrece unha solución inmersiva que practicamente carece de competencia, xa que as HTC Vive son o casco de realidade virtual máis completo no mercado, o que dá a compañía unha posición moi beneficiosa para continuar a prosperar neste eido emerxente.


O casco de realidade virtual HTC Vive é o que ofrece a sensación máis inmersiva do mercado

PUBLICIDADE