Haberá que pagar polo uso de dominios personalizados en Medium

xoves, 23 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Comunicado de Medium aos usuarios actuais de dominios personalizados

A reestruturación de Medium para adaptar a compañía ás súas posibilidade económicas e explorar novos modelos de negocio distintos ao da publicidade (insuficiente para manter o nivel de crecemento da plataforma) non para de achegar malas novas, e tras o peche da publicación Medium en español, chega agora un novo comunicado da empresa: o uso de dominios personalizados terá un custo.
Até o momento, calquera usuario que quixera que a súa publicación en Medium non estivese accesible a través do dominio medium.com senón dun nome de dominio de seu, só tiña que solicitalo a través dun formulario, e recibía as instrucións para configurar o dominio axeitadamente, o que propiciou a que publicacións como Geek-On, El Diario Geek ou Mixx.io optasen por Medium como plataforma, pero quen queira gozar do mesmo tratamento no futuro deberá pasar por caixa aboando un único pagamento de 75 dólares para sufragar a configuración do dominio, o seu certificado SSL e o servizo de atención ao cliente que recibirá este dominio durante o seu uso. Como cortesía os usuarios que xa gocen de dominios personalizados non terán que pagar polo seu uso.

Unha pequena mostra de dominios personalizados en Medium

PUBLICIDADE