Habilitado un visor web con información cartográfica do territorio regulado pola Lei de Ordenación Territorial do Litoral
luns, 7 de agosto do 2023
A Xunta vén
de habilitar un visor web a
través do que cidadanía, empresas e administracións poderán
acceder a información cartográfica do territorio regulado pola
Lei de Ordenación do Litoral de Galicia,
que entrou en vigor recentemente. Esta ferramenta dixital,
desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio (Consellería
de Medio Ambiente) permitirá
aos usuarios coñecer de primeira man tanto a área na que se
localizan os terreos do seu interese como os usos permitidos.
Deste
xeito, o
visor web ofrece un mapa cun nivel de zoom
de detalle establecido a 1:2000 e que contén a Base Topográfica de
Galicia como fondo de referencia sobre a que se superpoñen as capas
dos diferentes ámbitos recollidos na Lei de ordenación.
Así, a
Área de Protección Ambiental (APA), que é aquela con
características naturais singulares e valores ambientais
excepcionais que deben ser especialmente protexidos, inclúe a zona
comprendida entre a liña de 12 millas náuticas ata a liña de
ribeira de mar -espazo marítimo-terrestre comprendido entre a liña
de máxima baixamar viva e o límite ata o que chegan as ondas nos
temporais máis grandes coñecidos- e os espazos naturais protexidos
(parques naturais, humidais protexidos, Rede Natura, monumentos
naturais, e paisaxes protexidas, entre outros).
Na Área
de Reordenación (ARA), o mapa ofrece capas coa delimitación dos
solos urbanos e dos núcleos rurais, en base aos datos dispoñíbeis
no Sistema de Información de Ordenación do Territorio e Urbanismo
de Galicia (Sioutuga); coas zonas de servizo de cada un dos portos de
titularidade autonómica, e coas liñas do dominio público marítimo
terrestre. Cómpre lembrar que esta área reúne os espazos transformados
pola acción urbanizadora e espazos degradados, de difícil ou
imposíbel
re-naturalización, que esixen accións de reordenación, orientadas
a non agravar o deterioro, a humanizar os espazos e renovar os
elementos e o seu entorno.
E, no
que respecta á Área de Mellora Ambiental e Paisaxística (AMAP),
contén os espazos non incluídos nas anteriores zonas.
A
maiores, o visor web tamén incorpora unha sección coas áreas
recollidas no Plan de Ordenación do Litoral (POL), como, por
exemplo, os espazos de interese paisaxístico ou xeomórfico, os
corredores ecolóxicos ou as áreas intermareal e costeira.
Coa
posta en marcha deste visor dáse cumprimento á disposición final
terceira da Lei do litoral de Galicia, na que se recolle que a
información cartográfica necesaria para a aplicación desta norma
estará dispoñíbel
no enderezo electrónico da consellaría con competencias en materia
de medio ambiente.
Superficie
regulada pola lei de ordenación do litoral
No marco
dos traballos para desenvolver este visor web tamén puido establecer
a superficie total comprendida no marco regulatorio da lei de
ordenación e xestión integrada do litoral. Son 1.613.481 hectáreas,
das que 531.341 ha son terrestres e 1.082.140 ha, mariñas.
Tamén
se estableceu o territorio que abarca cada unha das áreas
determinadas pola devandita lei. Deste xeito, a Área de Protección
Ambiental comprende un ámbito de 1.137.037 hectáreas -1.080.985 ha
mariñas e 56.052 ha terrestres-, mentres que a Área de Reordenación
abarca 58.726 hectáreas e a de Mellora Ambiental e Paisaxística
inclúe 417.718 hectáreas.