HackForGood Vigo xunta 80 programadores á procura do máximo ben social pola vía das TIC

venres, 9 de marzo do 2018 Redacción

A Universidade de Vigo celebra até mañá sábado a sexta entrega da edición galega do desafío colectivo HackForGood de Telefónica, o evento de programadoras/es solidarias/os que reúne a oitenta persoas dispostas a superar algún dos máis de 200 retos expostos pola cidadanía a través de www.hackforgood.net. O encontro estase a celebrar na sala I do Edificio Miralles da Universidade. Lembrar que este hackathon desenvólvese de maneira simultánea en 20 universidades españolas organizado por Telefónica, Hazloposible e Mashme, e xunta a preto de 1.500 universitarias e universitarios en todo o territorio estatal.
A edición viguesa, organizada ao abeiro da Cátedra Telefónica, foi inaugurada esta sexa feira (venres) polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. En total participan 80 estudantes de diferentes eidos do coñecemento, 60% homes e 40% mulleres, que traballan divididos en 17 grupos. Cada equipo escollerá un dos 200 retos presentados por entidades, asociacións e particulares e tratará de darlle solución. Deste xeito traballarán en temas como a detección de incendios, a atención a nenas e nenos autistas, a mobilidade de persoas invidentes, a accesibilidade... Nesta edición prestarase especial atención ás solucións baseadas no internet das cousas e os obxectos conectados, a industria 4.0 e a información a gran escala (Big Data).
60.000 euros en premios xerais e 3.500 en Vigo
Ademais dos 60.000 euros en premios da convocatoria xeral, na edición viguesa os participantes poderán optar a premios locais de 1.000€, 600€ e 400€ e premios temáticos de 500€ á innovación social concedido polo Consello Social, á innovación enerxética patrocinado pola Cátedra Telefónica e ao desenvolvemento sustentábel, da man da Oficina de Medio Ambiente.
A nivel global, outórganse os premios HackForGood Big Day cun total de 12.000€ de contía para poñer en valor os proxectos que teñan continuidade e os premios HackForGood Global ás mellores solucións tecnolóxicas en cada sede dotados de 20.000€ para os tres mellores premios proxectos globais.

PUBLICIDADE