A franquía de xogos de Halo, que tantas alegrías deu a Microsoft, estreouse na pasada noite en versións exclusivas para Windows 8 e Windows Phone 8, vendéndose cada unha por separado a 5,99 euros e 6,49 euros respectivamente, pero permitindo o xogo cruzado entre ambas plataformas, converténdose nun interesante xeito de amosar que os sistemas operativos de Microsoft poden comportarse moi ben á hora de correr xogos en smartphones e tablets.
Estamos ante a primeira inclusión de Halo en dispositivos táctiles, comezando con 25 misións nas que loitas contra o Covenant á vez que exploramos a orixe do programa Spartan Ops e á comandante Spartan de Halo 4, Sarah Palmer. Halo: Spartan Assault é un grande xogo que está a sorprender polo ben que funciona na súa versión para Windows 8, polos seus valores de produción e por adoptar unha vista superior da acción en vez da tradicional vista en primeira persoa da saga.
O xogo é esixente, polo que en dispositivos móbiles precisará de 1 Gb de RAM para funcionar, aínda que agárdase que reciba unha actualización en agosto que facilite o xogo en dispositivos con menos memoria (como xa fixeron outros títulos nos últimos meses para garantir que chegan a móbiles tan populares actualmente como o Nokia Lumia 520).
Microsoft e Movistar preparan unha presentación en Madrid para o vindeiro día 26 na que amosarán os detalles deste xogo e organizarán un torneo de Halo 4 (Xbox 360). Dado que non puidemos descargar o xogo na súa versión móbil entendemos que non chegará a España ata a semana que vén, atendendo á presentación do vindeiro venres.
Trailer de presentación do xogo
ACTUALIZACIÓN: Dende Microsoft están a traballar para solucionar os problemas para descargar o xogo para móbiles con Windows Phone dende fóra de EE.UU.:
Any folks having trouble installing #SpartanAssualt outside the US- we're working on it, thx for info. May take a day or so to clear up.
— joebelfiore (@joebelfiore) July 19, 2013
ACTUALIZACIÓN: O xogo para Windows Phone 8 xa está dispoñible con normalidade para a súa compra dende España.
