Happy Wars será o primeiro xogo Free-to-Play para Xbox 360

luns, 27 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses moitos foron os xogos que pasaron a ser de subscrición de pagamento a apostar polo Free-to-Play como xeito que sumar unha masa crítica de usuarios que permita a súa supervivencia a medio-longo prazo, pero algunhas compañías xa parten desa base, e o vindeiro outono ToyLogic vai facer historia co seu Happy Wars, que será o primeiro xogo en optar por tar fórmula na Xbox 360, xa que estará dispoñible de balde para os usuarios Gold de Xbox LIVE, permitindo partidas de ata 30 xogadores (15 contra 15) combatendo nunha mesma partida.
Aínda que o xogo sexa de balde, dentro do mesmo será posible acceder a unha tenda en liña na que adquirir obxectos con cartos reais (armas, roupa, expresións faciais...), o que sería a fonte de financiamento deste ousado título no que guerreiros, magos e clérigos loitarán facendo uso de ata 27 habilidades únicas que incluso contará cunha campaña para 1 xogador que permitirá seguir unha historia, principalmente para afacerse á mecánica do xogo.
Happy Wars vén de estrear un trailer que nos permite facernos unha idea de como será este título, que parece buscar atraer a un público mozo:

PUBLICIDADE