Heaven 17 rexeita a incorporación dun dos seus temas en Grand Theft Auto VI
luns, 9 de setembro do 2024
- Heaven 17 publicou o tema Temptation en 1983
O músico Martyn Ware, das bandas británicas Human League e Heaven 17, vén de facer público que Rockstar Games púxose en contacto cos seus editores para negociar a incorporación do tema Temptation en Grand Theft Auto VI, o que parecía unha grande oportunidade, pero que Ware considerou insultante, xa que a oferta económica pola canción foi de 22.500 dólares, sen ofrecer ningunha outra compensación futura.
O membro de Heaven 17 tería que repartir a cantidade ofrecida co resto de integrantes da banda, polo que quedaría con 7.500 dólares, o que considera que é unha cantidade ridícula tendo en conta que Grand Theft Auto V tería superado uns ingresos de 8.600 millóns de dólares.
O que non comenta Martyn Ware é que Rockstar Games non está a suxerir que vai empregar Temptation como sintonía do xogo, senón que o uso que os títulos da saga fai da música licenciada é para poder reproducila como música de fondo, por exemplo, cando se sintoniza a radio mentres se vai nun vehículo, polo que non é unha parte fundamental do xogo (de feito, outras compañías optan por solucións como permitir ligar as radios a contas persoais dos usuarios para que escoiten a música que desexen a través dos servizos que teñan contratados ou da música que teñan no seu propio equipo) e no caso de Grand Theft Auto V o número de cancións incluídas no xogo supera as 500, polo que non parece razoable solicitar unha grande compensación económica cando non estamos ante un xogo musical e o tema vai ter un volume de reproducións bastante limitado.
En calquera caso, a manifestación de indignación por parte de Ware serviu para que un tema musical de 1983 conseguise ter visibilidade hoxe, disparando as súas reproducións en YouTube.
Vídeo musical de Temptation de Heaven 17