Heineken España e Vodafone selan unha alianza para impulsar a transformación da hostalería
mércores, 27 de agosto do 2025
Heineken España e Vodafone España asinaron unha alianza estratéxica para, nas súas palabras, “impulsar a competitividade e a modernización dos bares e restaurantes do eido estatal con solucións avanzadas de conectividade, entretemento e dixitalización”.
A peza clave do proxecto é a plataforma de comercio electrónico Eazle, da firma cervexeira, que xa conta con 26.000 clientes activos.
As firmas beneficiarias deste proxecto poderán acceder á conectividade de alta velocidade, ferramentas dixitais para a xestión do negocio (como sistemas de pedidos ou reservas) e unha oferta exclusiva de televisión con todo o fútbol e máis de 50 canles de entretemento de primeiro nivel. Ademais, a colaboración contempla promocións e descontos especiais no futuro.
Con este acordo, a cervexeira reafirma o seu compromiso co sector e completa unha proposta de valor integral para os seus clientes que tamén inclúe financiamento, asesoramento de negocio, solucións enerxéticas sostibles e apoio en mobiliario. A Vodafone permitiralle “ofrecer unha solución completa de conectividade, dixitalización e TV con maior capilaridade chegando a miles de bares e establecementos hostaleiros en todo o país”.
Cunha duración inicial dun ano, o acordo converte a Vodafone en socio tecnolóxico de referencia para os clientes hostaleiros de Heineken en España. A operadora achegará a súa experiencia en solucións dixitais para pemes e grandes empresas, poñendo en valor a súa bagaxe en contornas empresariais de alta esixencia e outorgando ao sector “unha oferta especializada en conectividade, televisión profesional e ferramentas de dixitalización adaptadas a negocios con atención ao público”.
Ricardo Nuncio, director de Distribución e Vendas a Hostalería de Heineken España, subliña: “Queremos ser o mellor socio de negocio para os hostaleiros, non só ofrecendo unha ampla variedade de solucións, senón tamén axudándoos a ser máis rendibles, mellorando a súa experiencia de compra e facilitándolles información para a toma de decisións. Todo iso co uso de IA, que lles permite incrementar as súas vendas. Este acordo con Vodafone reforza a nosa proposta de valor ao incorporar solucións tecnolóxicas pensadas para o día a día do bar”.
Pola súa banda, Alejandro Martínez, director do segmento de autónomos e Negocios de Vodafone España, sinala: “Grazas a esta colaboración, podemos levar solucións integrais a miles de bares en todo o país. Este acordo vai máis aló dunha alianza comercial, é unha aposta conxunta pola transformación dixital da canle HORECA en España. Queremos ser o socio tecnolóxico de confianza para bares e restaurantes, axudándolles a atraer máis clientes e así xerar máis negocio”.
Lanzada en 2023 pola cervexeira para conectar cos seus clientes, a plataforma dixital de servizos profesionais para a canle hostaleira, Eazle, é unha das maiores plataformas de ecommerce do mundo. Con ela simplifícase a xestión de pedidos e promocións de fidelización, facendo a experiencia máis intuitiva para os hosteleiros. A plataforma incorpora a súa propia Intelixencia Artificial, AIDDA, que acelera a transformación dixital e tecnolóxica ao optimizar a intelixencia de negocio baseada en datos, co obxectivo de duplicar o valor bruto de mercadorías este ano.
