Helen Crompton falou no CITIC do papel da Intelixencia Artificial na educación

venres, 3 de marzo do 2023 S. P.

Helen Crompton, profesora asociada de tecnoloxía educativa e doutora en educación matemática e tecnoloxía na educación da Old Dominion University (ODU) de Norfolk (Virginia), impartiu recentemente no CITIC da UDC unha conferencia na que analizou o papel da IA na Educación. Crompton, directora do Technology Enhanced Learning Lab (TELL) e do Virtual Reality Lab da ODU, centra a súa investigación na aprendizaxe con tecnoloxías como os dispositivos móbiles, a Intelixencia Artificial e a Realidade Virtual.
Durante a súa exposición, a investigadora ofreceu unha visión xeral do estado da IA na educación e analizou as tendencias de uso, destacando as posibilidades que ofrece para estudantes, profesores e administracións. Concretamente, falou do ChatGPT, das súas utilidades e das súas limitacións.
Crompton destacou o potencial deste sistema para transformar a educación e as oportunidades que esta ferramenta de IA pode achegar a estudantes e profesorado, como, por exemplo, que un alumno poida pedir a ChatGPT que lle explique conceptos difíciles utilizando diferentes estilos de aprendizaxe, idiomas e niveis de lectura.
-Na súa opinión, cal é impacto actual da IA na educación?
-A IA ten un gran potencial para revolucionar a educación. De feito, xa a estamos utilizando en moitas ferramentas educativas. O útil da progresión da IA é que cada vez é máis doada de usar e non necesitamos coñecementos e habilidades específicas para utilizar estas ferramentas. Por exemplo, Google Search utiliza IA. O que experimentamos é que funciona ben para atopar o que precisamos, corríxenos a ortografía, dános outras ideas de procura e axusta os resultados ao que buscamos. A IA está a axudar ás administracións para xestionar a recompilación, a análise e a organización dos datos dos estudantes dunha forma que é humanamente imposíbel cos recursos típicos que temos.
-Cóntenos algúns usos da IA en ámbito educativo...
-A investigación mostra que hai unha gran variedade de usos da IA na educación. Hai catro tendencias principais. Unha delas é a avaliación e valoración, xa que a IA pode utilizarse para xerar preguntas de distintos niveis, e mesmo crear preguntas que se axusten ao nivel de habilidade do alumnado e aumentar ou diminuír a dificultade segundo sexa necesario. Tamén pode utilizarse para predición de variedade de temas como o rendemento e a satisfacción dos estudantes nun curso, así como detectar aqueles que están en risco de suspender ou abandonar. Así mesmo, ten potencial para proporcionar asistencia aos estudantes con actividades, dándolles indicacións, próximos pasos e respondendo a preguntas. E, por último, a IA ten grandes funcionalidades na análise da aprendizaxe e o deseño do ensino para quen se ocupa destas tarefas. Outra posíbel vía para seguir avanzando neste eido é a conversión de voz en texto para que a IA poida entender a mensaxe que tentamos transmitir. Isto pode ser especialmente útil para axudar aos estudantes con necesidades especiais de aprendizaxe e tamén para as persoas con discapacidade.
-Que opina dos titores virtuais? Que papel xogarán na escola do futuro?
-Os titores virtuais son unha das catro formas posíbeis de utilizar a IA na educación. Estes titores virtuais nunca poderán substituír aos físicos, pero poden ser moi útiles para proporcionar apoio en tarefas que permitan ao profesorado desempeñar mellor o seu papel e axudar aos estudantes cando non estea dispoñíbel. Os titores virtuais teñen capacidade para proporcionar asistencia e instrución 24 horas ao día, 7 días á semana, en calquera momento e lugar. A instrución e indicacións pertinentes poden ser proporcionadas decontado a un nivel relevante para ese estudante individual segundo sexa necesario. Os titores virtuais son moi eficaces cando traballan onda a persoa educadora.
-Durante a súa conferencia no CITIC falou tamén do chatGPT, Como cre que repercutirán estas ou outras aplicacións similares na educación?
-Atopámonos nun punto de inflexión na historia da educación. ChatGPT marca a chegada dun novo tipo de ferramentas de IA xenerativa que cambian a nosa forma de pensar sobre a educación. Aínda que houbo grandes tecnoloxías que ampliaron e melloraron a educación, a miúdo utilizamos estas tecnoloxías do século XXI con enfoques pedagóxicos do século XX. ChatGPT fai ineficaces algunhas desas prácticas do pasado. Agora, a docencia ten que ser diferente á hora de promover o pensamento crítico dos estudantes, a resolución de problemas e as aplicacións prácticas.
-Cre que a IA pode reducir as taxas de abandono escolar e en que medida pode motivar aos estudantes para que continúen os seus estudos?
-Existen ferramentas de IA específicas para reducir as taxas de abandono escolar e motivar aos estudantes. Estas tecnoloxías poden utilizar datos para predicir aspectos como quen corre risco de suspender ou abandonar os estudos. A IA ten capacidade para dar ao profesorado información importante para este poida anticipar e evitar o abandono escolar, por exemplo. Tamén proporciona axuda aos estudantes para favorecer a súa motivación. Por exemplo, a IA pode enviar mensaxes de texto como recordatorios, avisos e apoio segundo sexa preciso. Ademais, se un estudante ten dificultades, esa axuda da IA pode ser útil antes de que alcance o nivel de frustración.
-Como profesora asociada de tecnoloxía educativa na Universidade Old Dominion (ODU), respecto á aplicación da IA á educación, hai moitas diferenzas en España respecto a EE.UU.?
-En todo o mundo, as aplicacións da IA son de natureza semellante. O inglés é un idioma predominante neste tipo de ferramentas, pero que axiña é posíbel traducir a outros idiomas. O uso da Intelixencia Artificial non parece estar nin máis estendido nin menos que en Europa. A miúdo depende de cada educador e de se adopta ou non as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE