Hispasat lembra que no Estado hai 2.682 núcleos de poboación que non dispoñen de acceso a un mínimo de 10 Mbps

martes, 11 de abril do 2017 Redacción

A compañía Hispasat está decidida a pór sobre a mesa un problema que nas cidades e nas vilas non se enxerga con claridade: o problema da escasa ou nula cobertura dixital dunha boa parte do territorio galego e estatal. Froito desta arela e da necesidade de poñer remedio a estes baleiros de cobertura que existen nunha chea de contornas xeográficas afastadas é o concurso #enREDatupueblo, organizado por Hispasat e dirixido a municipios ou entidades singulares de poboación sen ningún acceso a Internet ou con accesos de moi mala calidade. Con motivo de impulsar o radio de alcance do certame, no que participa a parroquia de Vilapoupre de Antas de Ulla, Hispasat lembrou que a día de hoxe aínda hai 2.682 núcleos de poboación no territorio estatal que non dispoñen de acceso a Internet a un mínimo de 10 Mbps, e case 600.000 fogares que non poden navegar nin a 2 Mbps. Ademais, e xa que estamos en tempo de Pascua, a compañía recordou que moitas persoas que regresan ás súas vilas e aldeas nesta Semana Santa carecerán de conexión ao estaren aquelas illadas dixitalmente.
Segundo engadiu Hispasat, en case a metade dos núcleos españois (4.037 municipios) “a banda larga fixa non acada o 30 Mbps establecidos como obxectivo para o 100% da poboación pola Axenda Dixital Europea para o ano 2020, e en case 600.000 fogares a conexión é de menos de 2Mbps”. Todo iso, explica a empresa, “dificulta o desenvolvemento económico e social destas poboacións, coa consecuente perda de oportunidades para as persoas que os habitan”.
Para visualizar o problema ante a sociedade por enteiro e para ir encarando integralmente a solución do problema, a firma de telecomunicacións puxo en marcha o concurso #enREDatupueblo, polo que se premiará un municipio español que careza de acceso a Internet, ou o teña de moi mala calidade, co servizo de conexión gratuíta a Internet de 30 Mbps vía satélite durante un ano. “Os veciños destas poboacións”, explica o operador, “revelan a desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso supón, unha situación que contribúe a provocar a emigración da poboación máis nova das zonas rurais do territorio nacional”.
Como dixemos, no certame está a participar xa a comunidade da parroquia de Vilapoupre (Antas de Ulla, Lugo), cuxos veciños decidiron facer fronte común e pór de manifesto, a través da súa concorrencia colectiva no concurso, a desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso supón, “unha situación que contribúe a provocar a emigración da poboación máis nova das zonas rurais das provincias galegas”, engade Hispasat.

PUBLICIDADE