Holy Night! comeza o seu periplo internacional

venres, 4 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Cartoon Movie 2011, celebrado onte na localidade francesa de Lyon, vén de dar acollida á estrea da longametraxe de animación en 3D estereoscópico, Holy Nigth!, a cuarta película da galega Dygra Films, que comeza agora o seu periplo internacional para darse a coñecer e estrearse no vindeiro Nadal no meirande número de países, incluído o noso.
A posta de largo deste proxecto tivo lugar perante os representantes máis importantes da industria da animación europea, que puideron ver a versión inglesa de Noite de Paz? (Holy Night!), que tivo ao guionista de Madagascar, Billy Frolic, como colaborador de excepción na adaptación do guión orixinal.
Holy Night!, que conta co selo propio de Dygra, Native Digital 3D (que garante unha produción estereoscópica nativa), foi concibida e producida dende o comezo en dixital 3D estereocópico e para o seu desenvolvemento e promoción dispón dun presuposto de 18 millóns de euros.
Trátase da primeira película de animación con rodaxe estereoscópico creada no noso país e unha das primeiras de España que en Lyon foi seleccionada na modalidade de Películas completadas xunto con outros sete traballos.
Estes estudos galegos con máis de vinte anos de experiencia ás súas costas, lanzan con Holy Night! a súa “aposta máis ambiciosa”, ao mesturar nunha mesma aventura unha mensaxe de convivencia e respeto entre culturas da maneira máis divertida e amena.

PUBLICIDADE