Honor presenta novos móbiles de alta gama

luns, 27 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver a Honor como a alternativa económica a Huawei, pero nos últimos anos foi evolucionando, e agora aspira a conquistar o segmento da gama alta con dispositivos como o Honor Magic5 Pro, un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno, pantalla OLED de 6,81 polgadas cunha resolución de 2.848 x 1.312 píxeles, cámara traseira tripla (con sensores de 50 Mpíxeles, que no caso do teleobxectivo chega até un zoom óptico de 3,5x e zoom dixital de 100x), cámara frontal de 12 Mpíxeles (con cámara de profundidade 3D), batería de 5.100 mAh con carga rápida de 66 watts (con carga sen fíos de 50 watts) e protección IP68.
En vista destas especificacións estamos ante un teléfono que lembra aos móbiles de alta gama de Samsung, aínda que previsiblemente cun prezo máis agresivo.

Honor Magic Vs

Dende Honor non se conforman con querer entrar na gama alta, senón que tamén se atreven cos móbiles encartables co novo Honor Magic Vs, que pechado presenta unha pantalla de 6,45 polgadas cunha relación de aspecto 21,3:9 e que aberto ten unha pantalla de 7,9 polgadas cunha relación de aspecto 10,3:9. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, 12 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 66 watts.
Aínda que o máis salientable deste smartphone é a súa pantalla encartable, non esquece as súas cámaras, cunha cámara traseira tripla cun sensor principal IMX800 de 54 Mpíxeles, un ultra grande angular de 50 Mpíxeles e un zoom óptico de 3x de 8 Mpíxeles, e cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles.
Espérase que chegue ás tendas a un prezo de 1.599 euros, polo que sería un interesante competidor dos Samsung Galaxy Z Fold.

PUBLICIDADE