Honor comercializa un móbil encartable con menos dun centímetro de grosor
venres, 1 de setembro do 2023
Dentro das
presentacións de Honor no marco da feira IFA de Berlín temos un produto que xa
é unha realidade en China, e que promete chegar en breve a Europa para
satisfacer ao público que busca un móbil encartable de grande formato, pero que leve á
mínima expresión o seu peso e grosor. Temos así o Honor
Magic V2, que está á venda a un prezo de 8.999 iuans (1.148 euros) no modelo
con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, e a 9.999 iuans (1.276 euros) con
512 GB de almacenamento.
O novo Honor Magic V2 destaca polo seu grosor (aberto) de só 4,70 milímetros
(9,90 milímetros pechado) e un peso de 231 gramos, o que supón todo un logro se
temos en conta que o Samsung Galaxy Z Fold5 ten un grosor de 13,4 milímetros e
un peso de 253 gramos.
Este novo smartphone ten un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, unha pantalla
externa de 6,43 polgadas cunha resolución de 2.376 x 1.060 píxeles, unha pantalla
interna encartable de 7,92 polgadas cunha resolución de 2.344 x 2.156 píxeles,
cámara traseira tripla (cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande
angular de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo de 20 Mpíxeles), unha cámara frontal
dual (con ambos sensores de 16 Mpíxeles) e, pese ao seu reducido grosor,
consegue albergar unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 66 watts.
Estamos claramente ante un smartphone encartable atractivo, que como principal
atranco ten que a súa marca non xera confianza dabondo como para que un usuario
faga un investimento económico tan importante con tranquilidade. Vese que o
hardware de Honor é bo, agora o que precisa é gañarse ao público.
Vídeo promocional do Honor Magic V2