Honor lanza unha copia do iPhone Pro Max co dobre de batería

mércores, 7 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses non teñen moito pudor á hora de plaxiar aos seus competidores, sendo un caso evidente o do novo Honor Power2, que vén de presentarse na China como un smartphones cunha batería de grande capacidade e un deseño extraordinariamente parecido ao do iPhone Pro Max, contando incluso cunha versión en cor laranxa.
Este terminal de gama media-alta destaca pola súa batería de 10.080 mAh, compatible con carga rápida de 80 watts, unha combinación pensada para usuarios que precisan longas xornadas de uso intensivo sen depender do cargador. Dada a súa xenerosa batería tamén integra carga inversa por cable de 27 watts (para alimentar outros dispositivos como se fose unha batería externa).
Funciona cun procesador MediaTek Dimensity 8500 Elite, acompañado de 12 GB de RAM LPDDR5X e almacenamento UFS 4.1 en opcións de 256 ou 512 GB. A pantalla ten un panel AMOLED de 6,79 polgadas con resolución 2640 x 1200 píxeles, unha taxa de refresco de ata 120 Hz e un brillo pico de 8.000 nits.
O Honor Power2 monta unha cámara principal de 50 Mpíxeles con estabilización óptica e un gran angular de 5 Mpíxeles. A cámara frontal é de 16 Mpíxeles, orientada a videochamadas e selfies en condicións de luz variadas.
O dispositivo chega ao mercado chinés cun prezo de saída de 2.699 iuans (331 euros), dispoñible en tres cores (laranxa amencer, negro noite e branco neve) e con características salientables como resistencia IP69K e un grosor de só 7,98 milímetros, resultando este último detalle se temos en conta a capacidade da súa batería.